Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Os espanholitos

A sección de Tribunais dos periódicos de España soe ostentar como logotipo un mazo masónico. Cando se trata de Universidades, o debuxante do xornal saca moi exacto un barrete de teito pentagonal con borla pendurante. Nos tribunais españois de xustiza non hai mazos (se tal hai ou houbo campaíñas) e os barretes das nosas universidades teñen, segundo o grau académico, pompón ou flecos. Os símbolos que os xornais difunden e que os lectores acríticos aceptan son, en cada caso, o da xustiza e o das universidades dos EE UU. O sabio e prudente director da RAE, Darío Villanueva, anda en campaña para conseguir que quen represente España en Eurovisión non cante en lingua inglesa. Intento en van. Segundo me contan, xa non só nos logotipos nin nos símbolos, tamén na realidade os costumes españois, e os rituais, estanse a norteamericanizar. Asegúranme que na realidade dos tribunais españois xa non hai algo tan patrio e entrañábel como é o "banquillos de los acusados" e que, igual que nas películas ianquis de xuízos, os asasinos toman asento comodamente a carón dos seus avogados.

Ningunha asociación galega de defensa da lingua española (así manda decer a escola de Menéndez Pidal) tomou a palabra para protestar polo uso do inglés por parte do representante de España en Eurovisión. A determinado tipo de españois o único que incomoda é que se ensine e use nas administracións o galego, o vasco e o catalán. Estas linguas son verdadeiramente as linguas do inimigo. O primeiro que a dereita fixo ao chegar ao poder autonómico galego con Núñez Feixóo foi meter o inglés, con asesoramento de mercenarios da Universidade de Vigo, para esmagoar ou esboroar máis aínda do que está o idioma nacional de Galicia. O mito da universalidade e superioridade do castelán, ou sexa español, no mundo cai polo seu propio peso cando Eurovisión lle impón a España o inglés no seu detestábel festival. Raúl Castro non viaxa a Madrid para reiniciar en español as relacións con Europa, senón a París. "São os espanholitos", cantaba Amalia Rodrigues.

Compartir el artículo

stats