Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Que lle pasa, Sr. Juncal?

Perdoe a miña "impertinencia" pero creo que algo lle pasa. Despois de ler o seu artigo, está a mudar a boa opinión que eu mantiña de vostede. Non só polo mal gusto que destila, senón porque está chea de rancor e imprecisións, e non era o que eu podía esperar dun político coma vostede. Non nos coñecemos persoalmente, pero sempre o tiven por un home de ben, sosegado, tranquilo e dialogante, e por iso me alporicei ao ver o que desta volta foi capaz de escribir.

Sobre as formas, nada máis que engadir, sobre o fondo, comeza culpando a alcaldesa de "criminalizar" aos veciños, mentres que o que puiden ler o longo destes meses, nos distintos medios, por parte dela foi: un chamamento ao diálogo, amosar respecto polas mobilizacións e unha enérxica repulsa aos actos vandálicos e violentos que por mor da protesta se produciron. Rexeitamento compartido publicamente polo resto dos grupos municipais agás o seu, e creo que isto non é criminalizar, senón pedir cordura. Como mostra da súa actitude está que convocara á plataforma do paseo da Seara ás diferentes reunións que sobre o tema se fixeron como interlocutores, e polo tanto sen lles negar a palabra, máis ben todo o contrario.

Sobre o motivo das protestas, respeto a mobilización, pero paréceme que os motivos non son suficientes hoxe en día para manter unha actitude tan belixerante e, por iso, dende o maior dos respectos, pediría que de mantelas, se produzan de xeito non violento.

Feito este paréntese, e continuando co seu escrito, compara feitos que creo que non merecen tal comparación. Querer equiparar o problema das preferentes (18 millóns de euros en Moaña) co do trazado do paseo paréceme un pouco excesivo, e non esperaba isto tampouco de vostede. Os veciños afectados na estafa enfrontáronse á perda dos aforros de toda a súa vida, e por ese motivo mantiveron paralizada a actividade plenaria, non só en Moaña, senón tamén noutras localidades.

Tamén culpa a alcaldesa de feitos que ocorreron na pasada lexislatura, cando nin ela nin a meirande parte do equipo de goberno eran membros da corporación. Parte dos problemas que sufrimos hoxe en día son consecuencia da falta dun orzamento, do cal estivemos orfos durante unha lexislatura enteira. Fracaso atribuíble en exclusiva á totalidade da corporación anterior, non á nova. Lamento fondamente que caera no erro de mirar ao pasado dese xeito e desexo que vostede sexa parte importante da solución dos problemas actuais.

Sorpréndeme tristemente o trato que lle dispensa ás empresas que se quedan sen cobrar, fala delas cun desprezo impropio de vostede, cando elas non son culpables do trazado do paseo, afirmando que se lles pode pagar noutro intre. Creo que, despois de catro anos de paciente espera, merecían outro trato, esperaba que fixera súas tamén as bágoas da alcaldesa por non poder arranxar este problema e que amosara un pouco de empatía polos veciños que se quedarán sen cobrar. De verdade que o tiña por alguén con máis sensibilidade.

Pero o que me preocupou máis é a frase coa que vostede remata, unha desconcertante afirmación, "non se lle vaia escapar das mans", que nun principio tomei por unha ameaza, pero debo estar confundido, xa que unha persoa como vostede non sería capaz de insinuar tal cousa, verdade?

Despídome de vostede, esperando que o artigo que vostede escribiu sexa flor dun mal día, dese que podemos ter todos, e que volva a ser esa persoa que creo que é.

*Veciño de Moaña

Compartir el artículo

stats