Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Reprobación

Contan de Franco que un día, temendo pola saúde dos seus salmóns do couto de Couso, na Ulla, decidiu non instalar no esteiro deste río a fábrica de celulosa que o forestalismo cego esixía pór en funcionamento a mediados do século XX. Como os salmóns eran rarísimos no Leres de entón, o Caudillo ordenou de habilitar a fábrica fedorenta en Lourizán, onda as Cocheras, sobre un inmenso areal ateigado de vida e, en especial, de ricos berbirichos e ameixas de toda clase.

A fábrica, privada, invadiu o dominio público e a franxa militar maritimo terrestre. Ou sexa, que a fábrica se fixo cun bon quiñón de patria española.

E ben, Mariano Raxoi, presidente do Goberno e membro dun partido que non renuncia ao legado histórico de Franco, áchase estes días co pé no estribo. Está sendo expulsado do poder e, conforme marcha, asina sen vergonza a cesión de Lourizán á factoría invasora por outros sesenta anos máis. Como se atreve este suxeito a tomar tan importante decisión cando non ten en absoluto consolidado o seu cargo á frento do goberno de Madrid?

Tal barbaridade non a faría ningún Bugallal, ningún Riestra, por suposto, ningún Montero Ríos, que, alén de verdadeiro liberal, tiña notabeis intereses en Lourizán.

Para tomar tan desafiante e histórica decisión, Raxoi (permítanme que lle regaleguice o apelido) tivo que estar movido por moi profundas causas. Estas moito máis poderosas que a prudencia que lle aconsella a un presidente en funcións absterse de levar a termo medidas de tal categoría crítica. Que tentáculos haberá nas sombras, tan poderosos como para guiar a man de Raxoi na asinatura dunha nova concesión á empresa contaminante que Pontevedra, Marín e a outra banda do mar detestan?

Non o sei, en todo caso felicito á maioría municipal de Pontevedra por estar á altura dos acontecementos e declarar Persona Non Grata, a todos os efectos reprobatorios e repreensivos, Mariano Raxoi. Como lles veño comentando, o mundo móvese e estou seguro de que a fábrica de Lourizán non chegará ao ano 2073. O futuro recordará que Mariano Raxoi modificou a Lei de Costas para favorecer a fabricación de pasta de papel contra o ben público.

Compartir el artículo

stats