A raíz do anuncio da fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade, que deixaría o mapa municipal galego con 313 concellos, estes días volvín repasar algún artigo que me encargaran sobre este tema hai xa a frioleira de dez anos durante a miña etapa como presidente da Fegamp. Concretamente, nunha colaboración para un libro publicado por Edicións Sotelo Blanco co gallo do seu 25 aniversario admitía que a miña convicción persoal a prol da fusión podía ser "controvertida", pero auguraba que era a única saída a medio e longo prazo para acabar co denominado "inframunicipalismo".

Este termo, que tanto sorprendeu mediaticamente naquel momento, é a definición dunha das principais disfuncións da estrutura territorial actual, que vén motivada pola progresiva redución e envellecemento da poboación: arredor do 60 por cento dos concellos galegos teñen menos de 5.000 habitantes e atopan grandes dificultades para prestarlles aos seus veciños os servizos fundamentais e para contar cunha mínima capacidade de xestión.

O raquitismo orzamentario dos enteis locais e a crecente precariedade de medios e recursos -agravada polo impacto da crise- son motivos máis que suficientes para non permanecer impasibles diante dunha situación insostible e para adoptar medidas que, aínda que puntualmente poidan resultar impopulares, sen dúbida serán moi beneficiosas para o futuro.

Por iso quero aplaudir a decisión dos alcaldes de Cerdedo e Cotobade de lanzarse a unha fusión, amosando unha gran visión de futuro e antepoñendo os intereses xerais dos seus concellos a calquera privilexio ou situación persoal. Agrádame que neste caso as renuncias persoais dos políticos "afectados" non fosen un impedimento para levar a cabo un proceso tan necesario como beneficioso, que non se formula en termos de conquista senón de integración. É dicir, é un proceso non que non hai vencedores nin perdedores, xa que todos son gañadores.

Pero o meu recoñecemento agocha tamén unha importante carga de responsabilidade, porque o Concello de Cerdedo-Cotobade e os alcaldes dos dous municipios son agora mesmo o espello no que se está a mirar ese 60 por cento de municipios galegos que ten menos de 5.000 habitantes e que non sabe como afrontar o futuro. Por iso, dende a miña modesta opinión, recoméndolles moito diálogo, moita pedagoxía e moita transparencia cos veciños. Entendo perfectamente que co clima político que vivimos actualmente o anuncio do comezo do proceso se fixera como se fixo, porque senón xa podería nacer morto, pero agora hai que implicar á veciñanza de ambos municipios en todos e cada un dos pasos que se dean para que o barco chegue a bo porto.

Remato simplemente deixando no aire dúas reflexións: a primeira é do pensador norteamericano Waldo Emerson, que dicía que "toda reforma foi nun tempo unha simple opinión particular"; e a segunda é de Castelao: "non lle poñades chatas á obra namentras non se remata; o que pense que vai mal, que traballe nela. Hai sitio para todos".

*Senador e voceiro do PP de Lalín