Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Doutor en Dereito

Unha reforma cara adiante

Afortunadamente, lonxe quedan os tempos en que, en palabras do filósofo Schopenhauer, se consideraba que a muller "non estaba feita para os grandes traballos de intelixencia, senón para a propagación da especie" e, en consecuencia, tal como afirmaba o novelista romántico francés Stendhal, seguindo o sistema educativo da época, "todos os xenios que nacen mulleres, pérdense a costa da felicidade pública". Neste contexto social e de conceptuación da muller no Século XIX, o noso dereito positivo atribuía ao esposo autoridade sobre a muller a vez que lle impoñía a obriga de protexela e alimentala, namentres a muller lle debía obediencia ao marido e asumía as tarefas do fogar e o coidado dos fillos. Nunha situación de sometemento da muller ao home e reparto de roles perfectamente diferenciados, o réxime da sociedade de ganancias, era o único medio de participación da muller nas ganancias que a actividade laboral, industrial ou comercial do esposo aportaba ao matrimonio.

Ao longo do século XX as tendencias igualitaristas, felizmente, remataron impoñéndose, alumeando a situación actual de absoluta igualdade legal de homes e mulleres e unha progresiva aproximación da realidade a legalidade, coa incorporación da muller ao mundo do traballo fóra do fogar. Paralelamente, prodúcese tamén un cambio substancial na propia natureza do matrimonio, pasando dun concepto teolóxico de matrimonio para toda a vida, a un concepto actual, máis civil, de matrimonio contrato-institución, de dúas persoas, con independencia do seu sexo que, nun cincuenta por cento, rematará en separación ou divorcio.

Este cambio tan radical, xustifica que nos preguntemos se a lexislación que regula o réxime económico do matrimonio con parámetros do século XIX, é axeitada para a situación actual ou, pola contra, se fai preciso acometer a súa adaptación á realidade social de hoxe. É evidente que a autonomía da vontade dos contraentes está hoxe máis xustificada que nunca pero, a falta de expresión desa vontade dos contraentes, caben dúas posibilidades: un réxime de comunidade, fundado na protección a unha muller sometida a autoridade do esposo e afastada do mundo do traballo, que inspiraron a sociedade de gananciais nos séculos pasados; ou un réxime de separación de bens, baseado nos principios de igualdade, liberdade e autonomía dos cónxuxes, no que cada cal administra os seus bens sen que ningún deles quede sometido a responsabilidade polo resultado das actividades ou negocios do outro, contribuíndo ambos o levantamento das cargas familiares.

Actualmente, non parece razoable que polo feito de contraer matrimonio, se limite a liberdade dos contraentes sen a súa vontade, alterando o seu estatus económico-patrimonial. Parece máis razoable que sexan eles mesmos, cando así o consideren oportuno, os que se limiten, optando pola comunidade en sociedade de gananciais ou por calquera outro réxime, quedando a separación de bens para aqueles que non exerzan ningunha opción.

Lamentablemente, a absoluta igualdade legal entre homes e mulleres non se corresponde exactamente coa realidade cotiá. A igualdade legal convive hoxe aínda con situacións de desigualdade e discriminación da muller en ámbitos tan relevantes como o acceso ao mercado laboral, a retribución a igual traballo, o desequilibrio no reparto das tarefas no ámbito doméstico e as dificultades para conciliar a vida laboral e familiar en moitos casos. Tamén é certo que en Galicia, especialmente no seu ámbito rural, perviven moitas situacións nas que un membro da parella exerce a súa actividade na explotación familiar do outro sen ningunha remuneración. Pero é dubidoso que estas situacións xustifiquen a prelación dun réxime económico ancorado nun pasado anacrónico.

O réxime de separación de bens é perfectamente compatible coa protección xurídica a aquelas situacións en que un dos cónxuxes, por decisión propia ou por imposibilidade de obter un posto de traballo, se dedique as tarefas domésticas e coidado dos fillos, como recentemente admitía o Tribunal Supremo nunha Sentenza. Por outra banda, a Lei 35/2014 de 4 de outubro, sobre titularidade de explotacións agrarias, recoñece os dereitos da muller que exerce actividade agraria na explotación do cónxuxe, con efectos económicos e tamén de alta na Seguridade Social; dando cumprimento efectivo ao principio de igualdade e non discriminación proclamado na Constitución Española e, recoñecido na Unión Europea a través da Directiva 2010/41, sobre a aplicación de igualdade de trato entre homes e mulleres na actividade autónoma.

Certamente, tratase dun cambio que, aínda paulatino, pois só afectaría aos matrimonios que se celebren a partires da súa entrada en vigor, terá ampla repercusión social para o futuro, e por elo, parece razoable a súa difusión e a posible participación das entidades sociais máis representativas e afectadas, na súa conformación ou non.

Compartir el artículo

stats