Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Fernand' Esquío, Ferrol

Facía memoranza dos días nos que eramos novos, visitabamos lameiras e toda clase de paraxes lacustres e descoñeciamos a palabra "humedal". Ela debeu de entrar no argot conservacionista unida á difusión de Las Tablas de Daimiel polo televexo de Rodríguez de la Fuente. Deste dictame é un meu amigo de moita autoridade en materia literaria. Tocaba eu aquí o poema famoso de Fernand'Esquío (ou Fernando, desenvolto) ou Esguío ou, mesmamente Escallo. O que goste de imaxinar a anécdota que incitou un poeta calquera á composición dunha bela cántiga pode fabricar fantasías coma esta a seguir.

O trovador Fernando Esquío, cuxa estirpe está arraizada nas terras de Ferrol, Xubia, Trasancos e así, vai visitar o máis profundo e misterioso lago de Galicia que, como se sabe, é o de Doniños. Olla, o trovador, como tres raparigas corren por un silbeiro, ás risiñas e refucindo as saias ornadas de fitas verdegaias. As mociñas agáchanse entre unhas espadañas con foguete, se se me permite a anacronía, na ponta. Fernando Esquío, curioso, ocúltase tamén, aínda que el o fai por tras dos petoutos. Espreita Esquío, curioso. As mozas calan o riso e ollan, con atención e algunha gargallada reprimida, cara unha riba.

Polas beiras do lago de Doniños vai un fermoso e xove cazador, co arco na mao. Anda ás aves, o mozo. O cazador, enlevado polo canto dun xílgaro, non lle dá disparado a frecha mortífera a unha arcea que moito el gostaría de comer asada no día seguinte. O cazador continúa polas ribas do lago.

As raparigas rin, xa francamente. Fernando Esquío volta o poboado e, se cadra nunha taberna do camiño, recada a cítola e compón unha cántiga nova que, coma a de Cunqueiro, se chamará Ribeira con certeza. El ouvira os risos das mociñas e distinguiu, entre elas, o timbre de cristal dunha que ben quería.

Fernando Esquío soña que el é o cazador e que unha das gorxas ridoras é a da súa amiga. Canta Esquío pola voz desta nun xogo de finximento múltiple. "Vaiamos, irmana, vaiamos folgar / nas ribas do lago, u eu vi andar / a las aves meu amigo". É cántiga "lakista", o cal, segundo X.M. Álvarez Blázquez, constitúe unha rareza nas letras galegas de todos os tempos.

Compartir el artículo

stats