Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Algo máis que un médico

A primeira vez que llo escoitei sorprendeume que unha persoa como el, cun percorrido profesional inzado de grandes éxitos, salientara de xeito especial o feito de ter acadado o premio extraordinario da Licenciatura na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago (1969). En posteriores ocasións reparei na énfase con que o lembraba, a emoción con que narraba como o tribunal encargado de valorar os méritos elixiuno a el por riba do outro candidato, o fillo do reitor daquel tempo, Ángel Jorge Echeverri. Era romper unha tradición nunha contorna ben endogámica, porén coido que para Alfonso foi algo máis, demostrar que a quen chamaban o fillo da vendedora da praza (orfo de pai) era alguén co que se tería que contar para formar parte das futuras elites.

No terreo profesional foi un espírito inquedo e innovador. Ao remate dos seus estudos universitarios puido permanecer na Facultade compostelán, cun futuro asegurado nunha cátedra e unha rendible consulta, pero preferiu mellorar a súa formación e marchou cara Madrid. Como dalgún xeito, salvando as distancias e noutro contexto, fixera no seu tempo Roberto Nóvoa Santos, un médico ao que admiraba e co que, coido, se identificaba por tres elementos coincidentes nas súas biografías: orixe humilde, capacidade profesional e difícil relación con Santiago de Compostela.

Ben instalado en Madrid foi Tuco Cerviño (como fixo con outros valiosos profesionais) quen o animou a vir para o Hospital da Coruña (daquela o Juan Canalejo, hoxe o Chuac) a fins dos anos setenta, no que desenvolveu un innovador e eficaz Servizo de Cardioloxía e permaneceu o resto da súa vida profesional.

Persoa pragmática e intelixente, un estreito colaborador seu díxome un día: "Alfonso é listo para todo". Foi hábil na identificación de persoas con valía profesional e de individuos e institucións con poder efectivo na cidade. Con eles tratou, dentro e fóra do ámbito sanitario, para avanzar nos proxectos hospitalarios, educativos e empresariais que lle pareceron interesantes; así, por exemplo, xogou un papel relevante na incorporación da docencia da Medicina na Universidade da Coruña. O seu labor e relacións chegaron a convertelo nunha figura de discreta pero enorme influencia no ámbito da Sanidade galega, con posicións liberais que tiveron unha recepción desigual entre os seus colegas.

* Director do Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega

Compartir el artículo

stats