Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Dez motivos para valorar o patrimonio

Moitos profesionais estamos afeitos a traballar co patrimonio cultural. Dun xeito ou outro, arqueólogos, museólogos, restauradores ou arquitectos xestionamos, dende distintas áreas e a diario, este inmenso legado.

Tamén accedemos as teorizacións que sobre o asunto van nacendo no decurso dos procesos de investigación e plasmándose coas normativas legais de protección. Máis, eu quero agora propoñerlles dez motivos para que vostedes valoren o patrimonio cultural, o noso e o de outras culturas e sociedades. Dez razóns prioritarias, entre moitas outras, que naceron da experiencia e do contacto directo e permanente con esta herdanza que provén do pasado e que sería xusto transmitir ás xeracións futuras.

1) Porque é único e irrepetible: á diferenza do produto industrial, unha gran parte do noso patrimonio cultural está formado por obxectos non industriais, froito da actividade artesanal. Iso non impide que os arqueólogos exploren novas parcelas de coñecemento, como a Arqueoloxía Industrial, iniciada en España na década de 1980, vinte anos despois que na Gran Bretaña. Ou que existan obxectos producidos en serie dende a Prehistoria. Lembremos, por exemplo, os magníficos machados elaborados con molde durante Idade do Bronce.

Máis, numerosísimas pezas arqueolóxicas, así como ferramentas que enchen os museos etnográficos ou que aínda dormen esquecidos nos alpendres das nosas aldeas, son elementos de factura manual, única e, polo tanto, singular, froito dun facer no que o material e a forma esta adaptado a unha función e a unha tradición secular, moitas veces milenaria, de fabricar os útiles necesarios para cada actividade.

Pero estas características tamén son aplicables a outros moitos elementos, como as vivendas e construcións adxectivas, carruaxes ou embarcacións. Tamén as formas de pechar as parcelas agrarias ou moitas outras.

2) Porque é un legado dos nosos predecesores: os restos materiais son a testemuña fiel dos faceres das xentes que nos precederon. Se me apuran, con maior fidelidade que os documentos escritos, susceptibles de manipulación ou de crear relatos interesados.

Todos os elementos que integran o patrimonio cultural son herdanza dunhas xentes sempre relacionadas con nós, ben por formar parte da nosa xenealoxía específica, ben porque comparten con nós a especificidade humana, o que sempre nos concirne como colectivo.

3) Porque garda moitas mensaxes tecnolóxicas: todos os produtos artificiais, actuais ou pasados, son froito dun proceso de elaboración. E este, dunhas teorías, duns coñecementos e, como non, dunhas técnicas.

Deste xeito, calquera obxecto que se nos de a coñecer, sexa do presente ou do pasado, garda para nós toda esa información. Imaxinemos, por exemplo unha chave de bronce. Para elaborala foi preciso coñecer e extraer as materias primas, o cobre, o estaño, seguramente tamén o chumbo. Debían estar en posesión das técnicas de aliaxe, e contar con instalacións e útiles complementarios. Con fornos que conseguiran determinadas temperaturas, con moldes feitos con materiais axeitados.

Non esquezamos a sapiencia precisa sobre enxeños mecánicos, xa que toda chave precisa dunha ferradura co seu mecanismo específico.

A mín ocorréuseme o exemplo da chave, pero poden vostedes buscar moitísimos outros. Verán como, a pouco que reflexionemos, a aparente sinxeleza do obxecto agacha procesos moi complexos.

4) Porque forma parte do ADN das sociedades actuais: se hai algunha característica que pode definir aos humanos, é a diversidade cultural. As sociedades contemporáneas, inmersas en inevitables procesos de globalización manteñen, sen embargo, uns caracteres que veñen do pasado. Aí están, calados pero activos, proporcionándonos miradas específicas sobre o mundo que nos rodea. Contribúen a que interpretemos colectivamente costumes ou faceres máis alá dos gustos -opcións- personais. Tamén paisaxes e sabores.

5) Porque é o alicerce das identidades: en relación co anterior, é difícil non pensar no patrimonio cultural como algo característico do noso pasado e que, non en poucas ocasións, produciu obxectos diferentes ao respecto doutras culturas.

Por iso nos gusta visitar museos doutros lugares nos que, inevitablemente, establecemos comparacións coas nosas cousas. Se non estamos moi postos en asuntos arqueolóxicos, o que sen dúbida dificultaría esas comparacións, esas sensacións fanse moito máis patentes cando vemos elementos etnográficos de culturas distintas. Nese momento as comparacións fanse inevitables.

6) Porque permite establecer un diálogo entre as culturas actuais: as accións de comparación facilitan, case obrigan a establecer unha comunicación, un diálogo, entre as formas de facer as cousas de grupos humanos distintos. Tanto agora, como no pasado.

O cruzamento de ideas entre solucións distintas a problemas semellantes é sempre un proceso de aprendizaxe. De testar a nosas propias respostas aos problemas, as nosas formas de facer as cousas. Tamén inevitablemente nas comparacións establécense momentos de reflexión. Cando esta se realiza racionalmente, mesmo contribúe a evitar fenómenos como o etnocentrismo e o seu parente próximo, o racismo.

7) Porque son elementos que conectan á xente coa súa Historia: as pezas arqueolóxicas, como outros elementos antigos (documentos, inscricións, edificacións, etc.) son os ladrillos cos que se constrúe a Historia. Conserváronse ata os nosos tempos para relatarnos antigos acontecementos, vellos faceres e técnicas remotas.

No caso da peza arqueolóxica, o profesional -o arqueólogo- converte o obxecto en datos históricos e a agrupación e conexión destes, sustentan as teorías históricas. O encontro dun individuo actual cunha peza antiga sempre suscita un diálogo que, se as condicións son axeitadas (de formación-información), remata nun relato histórico.

Na actualizade estanse a crear museos virtuais. Máis as recreacións, aínda que ofrecen moitas posibilidades de representación e complementan ao obxecto arqueolóxico, non poden substituílo.

8) Porque narra as solucións que as sociedades do pasado deron aos seus problemas ou ás súas inquedanzas. Sen dúbida gran parte dos comportamentos humanos xeran elementos materiais, obxectos, mesmo os relacionados cos rituais e as crenzas. Pensemos nos aparellos litúrxicos, ou na parafernalia funeraria.

Nin que dicir, entre moitas outras cousas, da necesidade de morada e abrigo ou da produción de alimentos. Pensen un momento nunha cotiá peza de pan, ese alimento que comemos todos os días. Agora fagan o esforzo de valorar todos os pasos e obxectos necesarios para conseguir un produto aparentemente tan pouco singular. Os métodos de cultivo, coas ferramentas necesarias, por non falar do sistema de obtención da terra (compras, herdanzas...) ou os innúmeras unidades de medida desta. As ferramentas e apeiros para o cultivo. O mesmo para a sega, xunto cos traballos moitas veces colectivos do noso rural. O almacenamento das espigas coas instalacións precisas. A moenda, coas diversas tipoloxías de muíños e os seus funcionamentos. Tamén da figura do muiñeiro e do folclore que xera este acto.

Despois os fornos, individuais ou comunais. No segundo caso tamén daba lugar á regulación de costumes de uso. Este proceso que resumín ata o imposible, que non é outro que o chamado "ciclo do pan", pódenos servir de exemplo para reflexionar sobre os pasos precisos para obter calquera tipo de produto.

9) Porque é un símbolo de opostos de permanencia/evolución: os restos do pasado adoitan servir como referencias e fitos con respecto á nosa cultura actual. Ofrecen información de como se facían antes as cousas en relación a como as facemos agora.

Sorprendémonos as veces do pouco que variaron moitas ferramentas para, por exemplo, traballar a madeira. Os cravos, as tenazas ou o martelo recoñeceriámolos sen problema a primeira vista, permitíndonos interpretar a súa función.

Outros elementos, sen embargo, sería irrecoñecibles sen unha explicación ou coñecemento previo, polo que non serviría para nada a intuición para identificalos. Poñamos por caso un ábaco en relación cunha calculadora actual. E non digamos se a comparación a establecemos cunha folla de cálculo dun ordenador.

10) Porque a querenza polo coñecemento e propio das sociedades civilizadas: desgrazadamente, a información sobre conflitos recentes achégannos imáxenes de barbarie e destrución.

Ás irreparables, crúas, e crueis mortes de persoas, engádese a eliminación do legado material dun pasado considerado indigno e pecaminoso dende a visión duns crentes armados. É unha táboa rasa cos diferentes do presente e do pasado. Nada debeu existir antes deles. Nin sequera os relatos que desprenden as ruínas arqueolóxicas.

Pola contra. Todos os países da nosa contorna cultural, que non necesariamente ten que coincidir coa topográfica, dotáronse dunha Lei de Patrimonio Cultural. Convídolles a ler, por proximidade, a de Galicia, a 8/1995 do patrimonio cultural de Galicia, agora en fase de revisión.

Seguramente vostedes teñen no maxín máis razón que estas dez que eu apurei no breve texto que corresponde a un xornal. Sería unha gran alegría para mín que puideran engadir noventa motivos máis.

*Arqueólogo municipal de Ourense

Compartir el artículo

stats