Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Prevaricación a toda costa!

Mariano Rajoy, un presidente derrotado e desaparecido, que pretende exercer de pontevedrés por asistir ás touradas e pasar o fin de ano en Sanxenxo, abandona as comparecencias virtuais por plasma e adquire forma material no corpo directivo da empresa contaminante ENCE, unha empresa condenada pola comisión dun delito ecolóxico continuado e que a día de hoxe segue incumprindo boa parte da lexislación medioambiental vixente.

O Partido Popular prorroga a concesión á empresa en Lourizán por algo mais de medio século, unha decisión absolutamente transcendental para o futuro da comarca e que -de chegar a facerse realidade- hipotecaría o saneamento da Ría, a calidade de vida da veciñanza e o desenvolvemento económico e a creación de emprego. E resulta insultante e eticamente reprobábel que o faga cando o seu goberno está en funcións! Non tivo, tan sequera, a valentía de facer pública a decisión con anterioridade ao 20 de decembro, unha actitude que reflicte de forma clara e evidente a categoría moral do persoeiro en cuestión e a do conxunto do seu partido.

Trátase dunha labazada á poboación pontevedresa que, maioritariamente e mesmo co voto nas urnas, vimos esixindo desde hai demasiado tempo a desaparición deste foco contaminante e depredador da nosa Ría e a devolución do roubado baixo o franquismo. Mesmo semella que esta é a resposta á labazada recibida en campaña que se repetiu logo cos resultados electorais da súa formación política na nosa comarca. E tal decisión non ten xustificación ningunha nin está fundamentada como pretenden argumentar agora en comportamento medioambiental ningún. Lonxe de ser así -e por non ser máis contundente- roza a prevaricación sen ningún tipo de dúbidas. Ou é que alguén dubida de que se está a tomar a sabendas de que é unha decisión inxusta? Descoñece acaso o PP o Regulamento Xeral de Costas e o artigo que imposibilita a prórroga a unha concesión administrativa que teña aberto un expediente de caducidade? Ou é que non saben tampouco que este é o caso de ENCE e que a tramitación do tal expediente continúa en tanto continúen os recursos interpostos por distintos colectivos sociais e desde as administracións?

E, que move realmente ao PP a conceder esta prórroga e a facelo ás presas e con absoluta falta de transparencia? Acaso esa falacia da defensa do emprego na comarca de Pontevedra? Pero, é que a estas alturas alguén acredita no papel de ENCE coma motor económico da Ría? Lonxe de crear emprego, ENCE -unha fábrica obsoleta e que resposta a un modelo económico que ten demostrado o seu fracaso- destrúe emprego de forma directa (na fábrica), indirecta (ao destruír os recursos marisqueiros, pesqueiros, do turismo e da explotación racional do monte) e inducida porque impide a chegada de empresas limpas, que nunca elixirán un emprazamento a carón dunha empresa suxa e contaminante.

E, como xa adiantei, nada ten que ver tampouco nesta decisión o tan cacarexado como falso argumento do cumprimento da normativa ambiental; se algo ten caracterizado a ENCE é o seu incumprimento sistemático da lexislación, un incumprimento que hoxe segue vixente e que só é ocultado pola existencia dunha absoluta relación de conivencia entre a dirección da empresa e as administracións autonómica e central. Non, o PP persigue a defensa dos seus intereses económicos particulares e -con seguridade- a busca de novas cadeiras a carón de persoeiros tan ilustres coma Carlos del Álamo ou Isabel Tocino no Consello de Administración da pasteira. É o pago de ENCE á operación económica que vén de pechar en Madrid: a cambio da hipotética inversión de 61 millóns nas instalacións fabrís, recibe arredor dos 2.000 millóns de euros en forma da gratuidade dos terreos, auga,...etc, etc. Unha operación redonda que non debera saír de balde a ningún dos seus responsábeis!

Pero, en calquera caso, esta decisión non é aínda firme; como calquera decisión administrativa pódese recorrer e vai ser recorrida -cando menos desde a APDR- tanto pola vía administrativa coma pola xudicial. E non descartamos a denuncia xudicial por prevaricación contra as persoas responsábeis de tal decisión, coma non descartamos que un novo goberno español acometa de forma decidida a revogación desta prórroga ou mesmo a derrogación da Lei que a fixo posíbel como fixo posíbel moitas outras decisións arbitrarias e contrarias á defensa do medio ambiente ao longo de toda a costa do estado. E, neste sentido, debemos lembrar que tanto o PSOE coma PODEMOS teñen adquirido un compromiso coa veciñanza pontevedresa de facelo.

Lonxe do que alguén poida crer, a loita non está perdida, moi ao contrario! Estamos certas de que a vía dos recursos, xunto coa da mobilización social, vai dar ao traste con este inxusto acordo e que máis tarde ou máis cedo a fábrica deixará libre a nosa Ría; con seguridade tamén, veremos de novo as nosas praias e o banco marisqueiro recuperado para os seus verdadeiros donos e donas e poderemos disfrutar dunha Ría que recupere a súa vocación natural. Nada de resignación fronte aos que usurpan os nosos dereitos! Nada aos que rouban o noso medio e a nosa calidade de vida! A loita continúa e ímola gañar! ENCE e PP .... Toda esta porquería, Fóra da ria!

*Presidente da APDR

Compartir el artículo

stats