Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Bebés

No Ourense da miña primeira acordanza había nenos e nenas, o que se traducía por "niños" e "niñas", pero non había bebé ningún. Pregunteille a Vicente Risco, cando inda el tomaba café no Cortijo. Díxome que o primeiro neno ourensano en ser chamado "bebé" foi o fillo pequeno dos dentistas de orixe rusa (xudeus non relixiosos) Marie Dicker e Volodia Dainow, que, desde 1910, tiñan clínica aberta na Praza Maior. Dunha filla dos Dainow foi namorado o poeta e rapsoda Xavier Bóveda, medio curmán de Blanco Amor.

David Simón, nos seus libros e no seu blog, está a facer historia dos médicos represaliados polo fascismo en Ourense e en Galicia, entre os cales se encontran os Dainow. Estes fuxiron no 36 a Francia. Lin eu na "Lettre Sepharade" que regresaron a España nun extraño tren especial. En Ourense non se soubo nunca máis deles. Sobre 1950, o fillo menor dos Dainow, cuxo nome non lembro, apareceu por Ourense. Nas tabernas históricas, coma o Bimba, o Gato Negro, o Birisca, e nas recentes coma O Pepinillo, enxebres de dúas xeracións tipo Chancas, Marrón, Lanchas ou así, comentaron a noticia.

"Seica volveu o Bebé" -dicían contentos, porque os Dainow eran moi queridos na cidade. O Bebé abriu unha consulta, coido que no Parque e non lonxe do sanatorio de Peña Rey, quen tamén sofrira persecución. O retornado, Dainow Dicker, puxo un letreiro moi visíbel no que se anunciaba como médico, non sei se odontólogo coma os seus pais ou especializado noutro ramo.

Daquela, en Ourense, a xente seguíalles chamando nenos aos nenos. Para moitos veciños o menor dos Dainow Dicker continuaba a ser O Bebé. Non sei se este señor é vivo ou morto ou que foi feito del. Por certo, un seu irmán nacionalizouse israelita e serviu como embaixador en Caracas ao seu novo país. El e Celso Emilio Ferreiro coñecíanse das Mocedades Nacionalistas Galegas, e aló foron a coincidir en Venezuela. Actualmente, en Ourense e en Galicia, xa todos os nenos e meniños pequenos pasaron a ser bebés. A palabra "bebé" veu de Francia e, aos do meu tempo, parecíanos algo ridícula e afectada.

O caso é que hoxe se fala mesmamente en "bebés balea" e "bebés foca". De todos xeitos, eu aínda non sentín falar do Bebé Xesús. A casa dos Dainow na Praza Maior, foi lugar de encontro de intelectuais de toda Europa, xudeus e non xudeus, que animaban moito o Ourense dos días de "La Centuria". Así nolo conta David Simón e se deixa trasparecer en diversos textos de escritores ourensáns da Xeración Nós. A vellez, entre outras cousas, é ver como a mudanza lingüística flúe diante dos ollos.

Compartir el artículo

stats