Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Amics per sempre

Daban a noticia, nos pasados días, algúns medios de comunicación: o deputado de Ciudadanos, José Antonio Funes, vén de rexistrar unha iniciativa presentada diante do Parlamento de Andalucía na que se propón incluír, opcionalmente e cun mínimo de estudantes interesados, a posibilidade de estudar as tres linguas cooficiais do Estado español -loxicamente, catalán, euskera e galego- nos colexios e institutos do Sur peninsular.

A iniciativa do grupo parlamentario de C's insta tamén ao Consello de Goberno a facilitar a inclusión das linguas cooficiais en todas as escolas de idiomas, así como á creación de cátedras nos departamentos de Filoloxía por parte das universidades andaluzas.

En fin, segundo declarou o propio Sr. Funes, o que se busca é "a mellor maneira de aplicar o que a propia Constitución vixente indica, que é respectar e protexer a diversidade lingüística española e, ao tempo, perseverar nos efectos positivos que tal proceder haberá de determinar para o conxunto da sociedade." Con certeza, e por parte do autor destas crónicas semanais, nada que obxectar e si darlles, claro é, moitos parabéns a D. José Antonio e mais os seus. Oxalá que o exemplo se espalle e continúe! E é que, ao mellor e a pesar de todos os pesares, si que estamos aínda a tempo de retomar unha boa navegación.

Non formo parte, nin quero, para nada, daqueles que malgastan as horas a afirmaren que "calquera tempo pasado foi mellor". Mais iso non significa que considere, polo contrario, que calquera conxuntura presente veña ser preferible a esoutras pretéritas. Como hai xa algúns anos explicara Eduardo Galeano, cómpre termos paciencia: a historia vai lenta, contraditoria, cos seus soles e mais coas súas noites. Non obstante, ao final, sempre avanza cara adiante; digan o que digan algúns desavegosos de mala sombra e cara de ferreiro, hoxe somos moito máis libres que hai trescentos ou catrocentos anos; estou certo de que os nosos descedentes, dentro doutros trescentos/catrocentos, aínda o serán máis.

Escribir recto, entón, con liñas tortas... "...Unus erat toto naturae vultus in orbe/quem dixere chaos": por máis que, dun lado, algúns teimen en considerar -(mal) parafraseando as Metamorfoses de Ovidio- que antes deles non se distinguían as terras do mares; por moito que, desde a banda contraria, algúns outros pretendan que habitemos na ignorancia e mais no olvido, a realidade é que si houbo unha xeira na cal Raimon enchía o Palacio de Deportes de Madrid. E non só el; Lluis Llach, Maria del Mar Bonet, Núria Feliu, Marina Rossell -por non falarmos, nin que dicir ten, de Joan Manuel Serrat- acadaban o aplauso e mais o afecto de millares e millares de andaluces, casteláns, aragoneses, cántabros... Do mesmo xeito, a xente acudía aos espectáculos de Els Joglars, Comediants, Dagoll Dagom ou La Fura dels Baus. E non faltaban tampouco os lectores para as obras de Jesus Moncada, Miquel de Palol, Monteserrat Roig... En ningún caso, o feito de que toda esa poderosa cultura se expresase en idioma catalán viña ser, daquela, motivo de incomprensión, receo, desconfianza...., arrogante ignorancia. É dicir; non, en todo caso, por parte da xente que se consideraba a si mesma medianamente culta e demócrata.

Mais velaí que os poderes do Lado Escuro, os membros da Orde Sith, non estaban mortos, senón apenas durmidos. Xa que logo, cando a nosa pequena Galaxia peninsular semellaba habitar tempos de luz e prosperidade, aconteceu que, case de súpeto, os axentes do Imperio de Rakata ergueron fronteiras, valados, cerrumes, muros... e, sobre todo, montañas enteiras de superstición patriótica. E cómpre escribir "superstición" porque o resultado de tal proceder non foron, non, florecentes/redivivas patrias, novas ou vellas, senón -quen teña ollos para ver, que vexa; quen teña oídos para oír, que oia- ben tristes casais, recantos, cornellos... onde pasar as horas e mais os días a procurar arreo o propio embigo. Non lle chamen, pois, "Cataluña cosmopolita e guay", senón Pujolandia lurpia con pa amb tomàquet. Non digan "Madrid, crema de la intelectualidad" e si, máis ben, barafunda, pura caverna carpetovetónica en rebumbio inclasificable con spanglish de baratillo. Non me falen de "España na Champions League" e si de taifas cainitas, patio de Monipodio onde os nosos fillos e netos tal semella que non haxn de atopar porvir decente. E pensar que andan a pedir -que digo pedir!, a esixir!- a adhesión inquebrantable aos seus gobernos!

E, sen embargo, nin é, nin ten por que ser así. Devén posible, perfectamente posible, outro modelo. Para enxergalo, abonda con volver a vista atrás -en realidade, todo bo proxecto de renovación ha de partir diso mesmo: de considerar a historia- e advertir cando, como, onde... foi que os vieiros se tornaron tortos. Abonda con tal e, nin que dicir ten, coa vontade expresa, co necesario pacto de mutua lealdade que permita superar os atrancos e recuperarmos o creto. Xa sei que para algúns non serán, as que van escritas, máis que boas, utópicas -mesmo cándidas- palabras, pero... de veras entenden que só nos resta a ruptura e mais o "aí te quedas!?" "Friends for life. Amigos para sempre. Amics per sempre": eran cataláns, por certo, os que cantaban aquilo.

Compartir el artículo

stats