Din que a política é a arte do posible. Con isto quérese significar que se pode dar saída a situacións sociais complexas que non parecen ter solución.

O resultado das eleccións do 20D amósanos unha desas situacións; aínda que menos complicada ca outras resoltas na nosa historia recente. Por exemplo, a Transición, que foi un pacto no que "a dereita cedeu algo para non perder nada e a esquerda aceptou algo para non perdelo todo". O que nos trouxo a democracia que temos.

A lóxica do 20D dinos que o PP, sendo o máis votado, non é o partido que os cidadáns queren para formar goberno, xa que dunha maneira rotunda quitáronlle a maioría da que dispuña para gobernar. Sí, pola contra, PSOE, Podemos E Ciudadanos configuran unha gran mayoría con posibilidades de chegar a pactos programáticos e de goberno estables que garantan unha lexislatura eficaz, proveitosa para os españois.

Máis dun 60% dos votantes non queren a repetición das eleccións. Un goberno dun só partido, non é posible; as contas non saen. Tampouco o formado por unha opción e a súa alternativa; na nosa cultura democrática non se entendería. Igualmente, a suma de moitos -toda á esquerda e achegados- imposibilita ou fai inoperante a gobernanza. En consecuencia, a xente quere o único pacto viable: PSOE-Podemos- Ciudadanos. Sería unha torpeza supor que unhas novas eleccións van sustituir o diálogo e os acordos necesarios para formar goberno.

É o momento de facer o "círculo de Popilio", indicativo de decisións inaplazabeis, para que os nosos políticos se poñan de acordo e formen goberno. (Popilio foi un cónsul de Roma, que no ano 170 a.d.c. foi parlamentar co rey de Siria -quen pedía reflexionar ao mesmo tempo que ameazaba as fronteiras romanas-, e dibuxou na area coa súa espada un circulo darredor del impedíndolle que saíse do mesmo mentres non tomara unha decisión).

Esta é a mensaxe clara dos electores: un goberno plural que compense o escoramento radical á dereita que tivemos na última legislatura, combata eficazmente a corrupción e contribúa á rexenerqción democráica.

Coa nova composición do Congreso, os fabricantes de gravatas sufriron un duro golpe. Descoñecer esta realidade é non entender a mensaxe dos electores.

*Veciño da Estrada e membro do Ateneo Estradense e de Podemos