Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O diálogo é a solución

Sobre a Lei do Solo e o PXOM de Vigo

A reforma da Lei do Solo coa que Feijoo pretendía dar solución a determinados proxectos en Vigo nin é solución nin se limita a Vigo. De saír adiante, xeraría problemas aínda máis graves. En Vigo e no resto de Galiza. A proposta busca xeralizar un trámite excepcional que, para axilizar, elimina a participación pública e a posibilidade de que a cidadanía faga alegacións. Exime, ademais, da tramitación ambiental.

Os verdadeiros responsábeis políticos da situación do urbanismo en Vigo e en Galiza, PP e PSOE, queren desviar a atención ao acusaren a AGE de obstrucionismo. Pero foi o bipartidismo quen realiza a proposta fóra de prazo -de aí que requira unanimidade. Seguramente a intransixencia ante a nosa posición teña como único obxectivo tapar o seu chafalleiro proceder. Porque mentres en AGE sempre apostamos polo diálogo, o PP forzou liquidar o debate nunha soa sesión da ponencia da Lei do Solo. AGE só puxo tres condicións: tramitación ambiental, exposición pública e aprobación en pleno por maioría absoluta. E deixamos clara a nosa disposición a falar. Pero o PP negouse.

Nós procuramos solucións xuridicamente seguras para Vigo. Existen na lexislación vixente. Non permitiremos que a cidade afunda máis na inseguridade xurídica. Nin que a situación se estenda a outros concellos. Ao eliminar a participación pública, ademais de suprimir o dereito fundamental da cidadanía a alegar, incórrese no erro doutros concellos, cuxos instrumentos de ordenación foron anulados por non a incluír. A proposta da Xunta elude tamén o trámite ambiental, precisamente o que causou a anulación do PXOM de Vigo.

Non discutimos que os proxectos sexan de interese xeral, pero na súa execución hai persoas afectadas e non poden quedar indefensas. Sobre a urxencia, PP e PSOE empregan a mesma argumentación coa que pediron a inviabilidade da avaliación ambiental en 2008. Agora vemos as consecuencias. A solución está en mans da Xunta, que pode axilizar tempos se garante recursos. Na lexislación actual hai saídas para Vigo. De feito, a moción do PSOE municipal, logo retirada, ía na liña de tramitar os proxectos como "sectoriais de incidencia municipal" -na LOUGA dende 1995- sen hipotecar o urbanismo do país.

*Viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento de Galicia

Compartir el artículo

stats