Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

A xornada do colonizado

S. ergueuse da cama sen necesidade de comprobar que non se convertera en insecto. Duchouse con xabrón de La Toja, fabricado por unha casa que outrora estivera relacionada coa Toxa. O contador da auga apuntaba a súa débeda na empresa estranxeira que substituíu a municipal de augas que, en Vigo, fixera exhibición de enxeñería co trasvase do Oitavén. S. é vigués, solteiro e goza dunha boa paga de xubilado. Quixo S. gastar algo e meteuse no Corte e no Alcampo: xerou gañancias que fluíron automáticamente cara a Meseta, como explicou Valentín Paz Andrade, ou Francia. Logo S. colleu o seu coche. Este non é un Uro compostelano. É un carro fabricado na Zona Franca de Vigo por unha automobilística que reparte beneficios en París e que non cotiza en España nin en Vigo nin en Galicia.

Vai S. a Pontevedra (a unha xestión) e paga a Audasa a autoestrada: velaí un diñeiro que ninguén sabe aonde irá parar. Seguramente á illa céltica de Man ou ás anglonormandas ou ás tropicais con nome de novela de piratas. O caso é que, agora, S. precisa diñeiro solto, e métese na sucursal dunha antiga caixa de aforro que se constituíra sen ánimo de lucro e que gastaba moito en obra social e cultural. A sucursal é, a presente, a dun banco privado a quen Raxoi e Feixóo (galeguizo para eu me decolonizar simbolicamente) lle entregaron aquela caixa benéfica que resultara da fusión das irmás galegas. Con todo, S. está descontento do novo banco non porque sexa estranxeiro senón porque utiliza profusamente a lingua galega da que el non gusta nada.

S. aínda acorda os días nos que a distribución de derivados do petróleo era en España paraestatal e respondía ás siglas CAMPSA. Como ten que facer gasolina, S. entra nunha bomba de Shell, neerlandesa e británica. Á Shell deixalle tamén uns bos cartos. Regresa S. a Vigo sen facer uso da Ora, o que o salvou de ser atracado de novo. Tampouco colleu o Vitrasa. Se fixese iso, os seus euros (nin españois nin galegos) serían absorbidos por unha sociedade de orixe asturiana (protexida polo xeneral Alonso Vega) que un alcalde franquista trouxo a Vigo no meo do escándalo. Vitrasa entrou en Vigo con concelleiros corruptos nas cadeas de Príncipe e tras de ser expulsada por forza a compañía dos tranvías que vertebrara (dise así agora) a cidade desde os tempos nos que era o seu xerente Ricardo Mella, anarquista. S. tirou o lixo, co que beneficiou ás de Koplowicz. Logo deitouse e apagou a luz, cuxo recibo xa non se lle paga a Barrié senón aos descoñecidos propietarios actuais dos vales galegos asolagados. Antes de quedar durmido, S. decidiu que ía devolverlle o seu voto ao PP á vista do que está a pasar en Cataluña.

Compartir el artículo

stats