Os que pasamos a infancia e xuventude a carón do río dos Gafos sempre quixemos atopar as palabras que puxeran un chisco de luz ao que nós sentimos nun tempo polo río, alguén que puxera en valor o que significou para as parroquias por onde transcorre ata a cidade onde estivo moito tempo esquecido, alguén que soubese contar a aldraxe que se cometeu co río ao seu paso pola cidade ao telo agochado, unha lousa na conciencia dos que o coñecimos e desfrutamos cando era un río descuberto e cheo de luz que forma unha parte moi importante da historia da cidade e das nosas vidas.

Agora, o escritor e historiador Calros Solla é capaz de furar na memoria e nas testemuñas da xente do río e contarnos en libros a historia e memoria dun río que a nós o que o coñecemos nos fai cóxegas no corazón cando o lemos. Cantar Primeiro de Maio, O río da Memoria, Cartafol do río dos Gafos, un inxente traballo de máis de douscentos anos de historia e memoria dun río. Como di o autor, hai moitos xeitos de contar a historia de Pontevedra, e facela a través do río que máis aldraxes sufríu na historia é unha moi boa maneira de facelo, e se quen a escribe é un home que sinte un enorme cariño polo Gafos, moito mellor. Oxalá nós, os que tivemos o privilexio de coñecer e disfrutar do tramo do río agochado ao paso polo tramo urbán poderamos contar a súa historia, pero o río só lle conta os seus segredos á xente como Calros. Só a el foi quen de contarlle a fermosa historia do Demo Asubiador. O río ten memoria e lembra que cando o deixaron sen luz nós non fixemos nada por impedilo, a el, que tantas alegrías nos deu na infancia, deixámolo só.

Agora os de Vaipolorío, que tamén saben moito do río e son unha enchente máis do Gafos, propoñen a Calros Solla ao Premio Cidade de Pontevedra e eu súmome á petición. Penso que unha persoa tan implicada no traballo de recuperación da historia do noso río máis esquecido e con tanta historia é merecedor dabondo de todos os premios e, sobor de todo, do recoñecemento dos que nun tempo, xa moi lonxano pero moi preto no corazón, o río formou unha parte moi importante das nosas vidas. Mágoa que nós non souberamos, coma Calros, escoitar o que conta o Gafos, como a luciña do vagalume o merlo que acompaña o marmurio do río no seu paseniño devalar.