Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Secretaria xeral de Igualdade

Hai saída

A violencia de xénero é un asunto de Estado, polo que previr e poñer fin á violencia exercida contra as mulleres e un obxectivo prioritario e irrenunciable.

A Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero e, a Lei 11/2007 galega para a Prevención e o Tratamento Integral da Violencia de Xénero, obtiveron no seu día o consenso xeral de todas as forzas políticas.

Estas Leis marcaron un antes e un despois na concepción do que é violencia de xénero, xa que ambas recoñecen que estamos ante o símbolo máis brutal da desigualdade existente na sociedade.

É necesario manter o espírito de unidade e de consenso e avanzar cara un gran pacto que nos una para acabar coa violencia machista.

Todas as medidas son insuficientes mentres unha muller viva baixo o medo e a falta de liberdade que iso supón e, calquera balance será negativo mentres haxa unha soa muller asasinada por esta causa.

Non é doado dar o paso, o sabemos, pero contamos con axudas, con servizos, recursos para que as mulleres que queiran romper o seu silencio e saír da morte en vida na que viven cando son víctimas da violencia machista, podan facelo. Un dato esperanzador, o 77% das mulleres vítimas da violencia de xénero saen desta situación.

Quería recordar os principais recursos dos que dispoñen as mulleres, sempre é bo facelo: Apoio económico: Galicia foi pioneira na articulación de axudas económicas, dende o ano 2006 beneficiáronse delas máis de 3.000 mulleres e levamos destinamos máis de 22 millóns

Apoio psicolóxico: Dende o ano 2009 foron 2.684 persoas as que se beneficiaron deste servizo, mulleres, menores e persoas dependentes e investíronse máis de 1 millón

Rede de acollemento: Galicia conta con 5 Casas de acollida (Coruña, Ferrol, Culleredo, Lugo e Ourense) e o Centro de Emerxencias de Vigo. Ademáis do Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas da violencia de xénero en Santiago de Compostela.

Nos últimos anos levamos a cabo importantes actuacións: O VI Plan galego para a Igualdade entre mulleres e homes; a constitución do Observatorio Galego da Violencia de xénero; a personación da Xunta de Galicia para o exercicio da acción popular nos procedementos penais en casos de morte por causa de violencia de xénero; a constitución da Rede de entidades Locais contra a violencia de xénero en colaboración coa Fegamp e á que están adheridos 162 concellos; a creación da comisión asesora de publicidade non sexista; o Consello Galego das Mulleres; a Comisión Interdepartamental da Igualdade, que reforza a integración do principio de transversalidade de xénero de todas as políticas e accións da Xunta de Galicia

O compromiso da Administración é articular unha resposta global e coordinada á violencia de xénero en calqueira das súas modalidades a través dunha asistencia integral ás mulleres vítimas e ás persoas ao seu cargo. Así, aprobarase nos próximos días, a través do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, o Protocolo de Coordinación e Cooperación Institucional fronte á violencia de xénero que permitirá mellorar a resposta dende todos os departamentos implicados, concentrando a atención de cada vítima nun único profesional de referencia, que proporcione un trato personalizado e que evite a revitimización.

Estou plenamente convencida que para erradicar calquera forma de violencia, a solución reside na educación. O respecto, a liberdade e a Igualdade son tres dos piares básicos, e por eso, o Goberno autonómico está a elaborar o I Plan galego da igualdade no ámbito educativo que sirva de referente a todos os centros educativos para abordar a educación en igualdade e a prevención da violencia de xénero desde unha perspectiva estrutural, integral e transversal.

É necesario seguir traballando na prevención e na sensibilización e visibilizar un problema de profundo calado social. Loitar e non fraquear contra a violencia de xénero, porque a xuventude de hoxe será a sociedade de mañá, e por eso queremos unha sociedade construída sobre a liberdade, a tolerancia e o respecto; unha sociedade que faga fronte á submisión, á desigualdade e a violencia.

Erradicar a violencia de xénero é unha tarefa na que non podemos permitirnos retroceder e, para o Goberno galego é unha prioridade e un deber de xustiza coas vítimas e as súas familias.

Debemos loitar para que sobre os maltratadores caía todo o peso da lei, da xustiza e do rexeitamento social, pois actos dese tipo non poden de ningún xeito ter cabida nunha sociedade democrática e avanzada.

É necesario lanzar unha mensaxe política rotunda. É imprenscindible un gran acordo entre partidos políticos, institucións e sociedades civil que exprese o sentir conxunto do país, para rematar con esta barbarie que ataca a convivencia cidadá e asesina a xente inocente.

Traballemos todos e todas xuntas e avancemos unidos para conseguir unha sociedade 0% machista, porque hai saída á violencia de xénero

Compartir el artículo

stats