Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Indecencias 'made in Spain'

Como, con certeza, han de coñecer algúns/bastantes de entre Vdes. -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais que hoxe regresan, logo da paréntese de Nadal-Reis-, o vocábulo "decente" ten procedencia no latín "decere" -de xeito máis preciso, no participio de presente do referido verbo e, desde logo, mediante a forma do acusativo: "decente(m)"- e, para alén do significado de "honesto", "xusto", "ser apropiado" vén relacionarse aínda con esoutros de "aseado", "de boa presenza" no ámbito moral. Desde logo, un servidor ignora por completo cales son/deixan de ser os coñecementos filolóxicos de parte de D. Pedro Sánchez Pérez-Castejón; mais, en calquera caso e como Vdes. han de lembrar doadamente, velaí que a frase devén definitiva na historia recente da política patria: "Tenía Ud. que haber dimitido hace dos años. Si Ud. sigue siendo presidente, el coste para nuestra democracia será enorme. El presidente tiene que ser una persona decente y Ud. no lo es." Da súa parte, a resposta do interpelado non parecía deixar tampouco moito lugar para as dúbidas: "¡Hasta aquí hemos llegado! (...) Si tiene usted algo contra mí, lléveme a un juzgado (...) Ha sido Ud. ruin, mezquino y miserable." Traducido: que se algún de Vdes. e mais quen isto escribe nos intercambiásemos semellantes piropos, a cousa si que acabaría bonita de veras.

Pero, naturalmente, iso vén ser o que acontecería no territorio da vida real; nesoutro, hollywoodiense, da política cotiá, as cousas funcionan de maneira ben diferente. Iso si, ninguén discutiu, con todo e até a data presente, o significado preciso dos vocábulos: é dicir, "decente" e "indecente" semellan conservar no eido do espectáculo todo o peso da etimoloxía. Semellan.

E escribimos así: "semellan" porque eis o caso que nin o Sr. Sánchez levou, polo de agora, ao Sr. Rajoy diante de ningún tribunal de xustiza nin, moito menos, o (aínda) Presidente do Goberno español, malia o alporizado e ofendidísimo que se mostrou diante das cámaras de TV, rexeitou a colaboración efectiva do líder socialista e mais dos seus para continuar exercendo, con tan (suposta) escasa compostura moral e mínimo decoro, o seu labor á fronte do poder executivo. O qué é máis: aqueles mesmos que, no día seguinte ao debate electoral, esgazaban roupas e vestidos, daban preitavoces en tertulias radiofónicas e/ou televisivas, enchían de signos de admiración columnas enteiras da prensa escrita -todos eles a esbardallaren contra o "atropelo", a "aldraxe", a inxuria"... por parte do candidato do PSOE- eis que, día si e día tamén logo do 20-D, veñen facendo imperiosa reclamación, aseverando unha ineludible e imperativa chamada a D. Pedro para que auxilie, apoie... , si ou si, xa un goberno minoritario do Partido Popular xa para que entre no concurso dunha santa alianza patria que impida de tal xeito que "experimentos bolivarianos/proto-separatistas" acaben por levar a España ao caos, o abismo e mais a desfeita apocalíptica. Coalición do PSOE con Podemos? Nunca xamais, arrenégote demo!!: Sagunto!!, Numancia!!

Fagamos un pouco de memoria, se lles parece. Primeiro, proclamaron que vén ser a lei electoral vixente a que dota de poderes estratosféricos a forzas minoritarias e/ou disolventes -a perxudicaren, daquela, a lexitimidade desoutras "nacionais", "españolas"-, cando abonda con observar, sen embargo, cales serían os resultados dun distrito electoral único e/ou dun sistema proporcional para percibir que, ben polo contrario, resultan ser as hostes que lidera agora mesmo o Sr. Rajoy as favorecidas de veras polas peculiaridades do sistema. Segundo, reclamaron con ansia que gobernase sempre a lista máis votada, cando sucede que as coalicións entre dous/tres... partidos constitúen a norma habitual, tanto sincrónica como diacronicamente, na historia da Europa democrática.Agora, situados na quintaesencia da retorcimento, consideran aínda que conforma un deber inescusable por parte de D. Pedro Sánchez favorecer un novo goberno Rajoy cando resulta que o PP pasou de dispoñer de 186 deputados -froito de 10.866.000 votos- a contar apenas con 123, consecuencia dunha baixada a 7.215,000 sufraxios. Daquela, lonxe de solicitar o que sería normal en calquera outra parte "do noso entorno": isto é, bye-bye, au revoir, arriverderci... D. Mariano!, prefiren sostenella y no enmendalla. Xa que logo, que queres máis gasto social? Que temos que retirar a Lomce? Que o que che mola é unha reforma constitucional? Ningún problema: a pedir, a pedir por esa "boquita de piñón!" Artur Mas, pois, buscando desesperadamente a presidencia da Generalitat rebelde? Pois non, miñas donas e meus señores: Mariano Rajoy tentando, con non menor aflición, manterse como inquilino de La Moncloa. Claro é que aquilo que se define como "esperpento", "indignidade", "vergonzoso" en Barcelona, devén "responsabilidade", "bo xuízo", "sentido de estado" nos Madriles. En fin, que lle queren? (Certa) España e mais o sentido da decencia/indecencia practicado por determinados conmilitóns mediáticos son así.

Compartir el artículo

stats