Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

O poleiro alporizado

Desde que se coñeceron os resultados que En Marea obtivo na pasada consulta electoral, un rumor desordenado, feito de cacarexos e aletexar louco, se produciu no poleiro mediático. O simil que emprego é avícola e arcaico. Na aldea e nos bairros urbanos de antano as galiñas andaban polas rúas e camiños; en xeral, sen se alonxar das casas dos amos. Á tardiña, acollíanse aos poleiros. Nalgún corruncho axeitado para tal uso, dispúñanse uns paus horizontais aos cales se bían as pitas para durmiren a salvo. Tiñan o sono lixeiro, as galiñas de antano. Calquera bruido fora do normal sobresaltábaas. E non falemos da presenza da raposa, da fuíña, do martagaño, mesmo da bela e cativa donicela, cuxa intrusión no dormitorio das galiñas podía poner estas en transo de tolemia colectiva. En Galicia existe un grupo que, con carácter de élite, se constitúe nos media con arrogancia.

Chámanse a eles mesmos politólogos, certo que eu non fun ben informado nos meus anos de instrucción sobre ciencia ninguna chamada politoloxía. Nos meus tempos, había filósofos, que representaban importantes guías para o pensamento e para a acción. Algúns escribiron as súas Políticas. Pero ninguén lle chamou nunca politólogo a Platón ou a Spinoza nin hoxe llo chaman a Ranciere. Despois había, nos xornais, xentes que comentaban aspectos da política ou que cultivaban, no libro e na cadeira dereito político, ou Teoría do Estado, ou filosofía da historia, ou historia, ou cousas así. Pero non había politólogos. Agora eles aparecen nos medios de comunicación e compiten cos xornalistas, dos cales soen distinguirse por unha certa altivez profesoral. Parece que os politólogos de prensa e radio afeitos ao turno de partidos da II Restauración Borbónica foron moi afectados polos resultados das pasadas eleccións. Os politólogos dos xornais galegos, todos inimigos frontais do nacionalismo alporizáronse coma as pitas do galiñeiro. Co cal resulta que o triunfo de En Marea a seguir da reedición dun frentepopulismo con nova linguaxe, incomodou os politólogos (e columnistas máis modestos) que veñen dictando o que é bo e o que é mau para a Cidade desde os pactos entre EE UU, os poderes fácticos (lembran?), o grande capital, que trouxo o réxime político que agora dá os seus primeiros pasos cara o abismo. A victoria de En Marea é gañancia do independentismo galego, (aí estamos) de esquerda en parcería natural cos que xa non queren permanecer máis na exclusión e aspiran a unha España plurinacional, federal e socialmente xusta.

Compartir el artículo

stats