Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Homenaxe a Cangas

Todo pende de todo e, se se moven os continentes sobre o magma ventral da Terra, como non se vai mover a sociedade humana? O caso é que doutra banda do Miño, en Portugal, suben o salario mínimo e as pensións e trátase do tema de o Estado se apropiar das autoestradas. Goberna, co apoio do Partido Comunista e do Bloco da Esquerda, un Partido Socialista milagrosamente liberado das influencias da CIA. Mesmamente, o ministro de educación é un coterráneo noso, de Paredes de Coura, de nome Tiago Bradâo.

Fagan memoria, que é cousa boa. Lembren que Vilar de Mouros, freguesía de Paredes de Coura, era propiedade persoal do rei Don García o Desafurtunado, rei de Galicia. Estoupou aquí En Marea, por efectos da unidade popular que souberon practicar os independentistas de esquerda coa esquerda real que non nega o dereito á autodeterminación dos pobos. Estoupou En Marea, e antes tivera resultados brillantes AGE, coalición formada cos mesmos elementos e espírito.

En 1936 Castelao, Picallo e todos os do Partido Galeguista foran ás eleccións co Frente Popular, e triunfaron. É verdade que a Risco e a Filgueira Valverde lles parecera moi mal que os galeguistas andivesen de ganchete con partidos anticlericais e "alleeiros" ou sexa alleos ao espírito de Galiza. Estoupou En Marea, o que quer decer que triunfou o espírito de Lois Soto. Este dictáralle a X.L. Villaverde en Cangas o seu libro de memorias. Soto era un comunista partidario apaixonado da independencia política de Galicia, igual que Joan Comorera o fora en Cataluña.

En Cangas xermolou unha nova sazón de militantes noviños, nos anos setenta e oitenta do século XX. De alí vén Mariano Abalo. Falo de cando Pepe González Martínez e Moncho Reboiras se fixeron cargo da dirección da UPG. En Cangas asentaron con forza unha nova base, digamos que incorruptíbel. En Cangas, se cadra xa en termo municipal de Moaña, estaba o taller de impresión e propaganda da UPG, so a responsabilidade de Reboiras e Carme Graña Penedo. Caeu a base clandestina en mans da Garda Civil e da BPS, e Carme, que se formara como militante na UPG de Madrid, so a dirección de Bautista Álvarez, foi posta a salvo en París, e alí botou unha longa xeira de exilio. Ela voltou a Cangas e incorporouse, como todos os membros de Galicia Ceibe e do PGP, á Frente Popular Galega cuxa cabeza dirixente era e seguía a ser Mariano Abalo.

E en Cangas unha e outra vez reinventaron e refundaron a esquerda independentista unida fraternalmente a toda a esquerda realmente existente.

Compartir el artículo

stats