Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O 20-D en clave local

O comentario máis salientable que, tal vez, merecen os resultados das eleccións xerais navideñas do domingo é o de que o electorado pontevedrés discrimina o perfil do seu voto en función da modalidade de elección de que se trate, local, autonómica, xeral ou europea, é dicir, o que os politólogos coñecemos tecnicamente como voto dual. Non sei se poderiamos falar de electorado smart pero si, desde logo, de que os electores deste país sabemos cada vez mellor a quen votamos, é dicir, podemos considerarnos un electorado maduro democraticamente. Cuestión distinta é por que votamos a uns ou a outros, case sempre con máis emocionalidade ca racionalidade, sexa para absolver co noso sufraxio a delincuentes de luva branca ou sexa para que os antisistema formen parte do sistema.

Obsérvese o que afirmamos no feito de como en Pontevedra votamos hai pouco máis de seis meses nun sentido ben distinto ao deste domingo. Nas eleccións locais de maio o BNG erixiuse en primeira forza política con preto dun 44% dos votos a candidaturas e pasou a ser quinta o día 20 de decembro. En Marea ascendeu do cuarto ao segundo posto, pasando dun 8´29% a un 26´66%. O PP recuperou o seu tradicional primeiro lugar (do 27´61% ao 32´82%) e o PSdeG-PSOE mantívose de terceiro subindo, iso si, do 11´01% ao 20´03%. Canto a Ciudadanos medra do 5´84% das locais ata un 10´80%. Fóra das transferencias de voto que aínda non coñecemos con certeza, resulta evidente que o elector pontevedrés vota en sentido moi diferente en locais ca en lexislativas ou europeas (lembremos que foron o ano pasado), pero tamén existen tendencias; así, por exemplo, a sorpresa da subida de En Marea é relativa se valoramos que a suma dos sufraxios de AGE e Podemos en 2014 porcentuou un 21´43% do voto do municipio capitalino. Este fenómeno do voto dual en municipais, palpable así mesmo en autonómicas, acaba de manifestarse tamén estentoreamente no concello de Vigo, por se alguén pensa que Pontevedra é a excepción.

Finalmente, comparando coa media galega, provincial e das sete grandes cidades galegas, o comportamento do electorado pontevedrés difire da media galega en que o apoio ao PP é menor en máis de catro puntos e moi próximo á media das cidades. En Marea supera en más de punto e medio a media galega e queda case a dous puntos da media das sete cidades. O PSOE achégase á media das cidades e queda máis dun punto por baixo da galega. Ciudadanos supera en case dous puntos a media galega e case calca a das sete cidades. E, por último, a maior fortaleza do BNG local percíbese en que case duplica a media das grandes cidades e supera en dous puntos a galega. Vexamos:

Na medida en que o electorado máis urbano soe adiantar tendencias de voto, cabería subliñar o feito de que, nas grandes cidades, os tres representantes da vella política teñen medias inferiores á galega e, pola contra, os outros dous obteñen mellores datos ca esa media. Sexa como sexa, teño xa afirmado que a volatilidade partidista dos electores vai ser maior de aquí en diante e que as súas fidelidades mudarán substancialmente en función de acontecementos que, tal vez, os aparellos partidarios non albisquen coa suficiente rapidez de reflexos e isto incluiría, e ignoro se serán conscientes, aos símbolos representativos que non levan nome de partido da alcumada como nova política.

*Profesor de Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats