Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Fotógrafo José Suárez

Na fotografía galega hai pezas que se transformaron en iconas de Galicia do século XX. Ese foi o caso das fotos da despedida de Manuel Ferrol ou dos adeuses de Alberto Martí, que expresan toda a dor da emigracion, como o retrato da muller e a radio de Virxilio Vieitez, traduce a soidade dos que aquí quedaron. Outrosí sucede coa ollada inmensa do neno que garda nos seus brazos a dorniña "Javiota" de José Suárez, enxergando un horizonte que cremos de esperanza. Cartaces en branco e negro son hoxe arquivos de memoria capaces de explicar o noso devir colectivo quizais mellor ca moitos textos académicos. Fotografías que forman parte do noso patrimonio común, cuxa difusión constitúe unha obriga dos poderes públicos ao tempo que unha posibilidade para reflexionar sobre o que fomos, o que somos e o que queremos ser como comunidade de seu.

A exposición sobre José Suárez instalada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura até o 27 de marzo é unha oportunidade para descubrir o conxunto da obra dun fotógrafo coñecido que axiña quedou esquecido. 206 fotografías e 150 obxectos persoais, escollidos por Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal, conforman unha mostra exhaustiva que percorre todas as series do fotógrafo de Allariz, mesmo as que permanecían inéditas ou nunca expostas, conformando a panorámica duns "ollos vivos que pensan", título da exposición que corresponde a unha frase de José Bergamín, ao que Suárez retratou no exilio en Buenos Aires. Mais os comisarios, co afán didáctico que caracteriza as súas mostras, quixeron contextualizar o traballo do fotógrafo ourensán nos espazos onde foi mostrado e publicado, dando conta tanto da súa peripecia biográfica como das súas viaxes a Xapón ou Sudáfrica, que influíron na súa obra fotográfica. Contidos presentados en dez audiovisuais que se completan coa posibilidade de consultar nunha taboíña dixital cada un dos libros publicados polo fotógrafo alaricano. Recursos que xunto a un catálogo impreso de magnífica edición cadran unha exposición modélica, tanto polos contidos como pola súa montaxe e diversidade de recursos utilizados.

Xaora, o primeiro que impacta son as series etnográficas dos anos 30, escolmadas no libro "Galicia, terra, mar e xentes" (Xerais, 1981), onde se recolle parte do traballo fotográfico previo, realizado en Bueu, antes de que filmase a película "Mariñeiros", que remataría no exilio e nunca sería proxectada en Galicia. "Mariñeiros", serie publicada en Arxentina en 1937, exposta con éxito en Vigo en 1971, na sala de exposicións da Caixa de Aforros, e escolmada por Xerais en formato almanaque este 2015, por si soa xa merece un lugar relevante na historia da fotografía galega. Un traballo fotográfico no que se aborda en profundidade a vida dos mariñeiros galegos a través de retratos en primeiro plano ou imaxes dos seus obxectos, como redes ou aparellos, mais onde están sempre presentes as persoas ou os espazos onde deixaron a súa pegada. Nesas fotos, como a citada do rapaz da "Javiota" ou a impresionante do Gabián celta, Suárez acuñou o seu estilo de retrato máis característico, onde nunca aparece a ollada frontal, suxerindo con inequívoca tenrura un futuro incerto.

Sorprenden as series de fotografías do exilio (1936-1959), sobre todo as da neve da cordilleira (Suárez foi un gran amante do esquí), as de Tierra de Fuego e as da viaxe a Xapón de 1953, nas que por vez primeira se distanciou das persoas fotografadas. Están presentes, ademais, as fotos que fixo dende o seu retorno do exilio en 1959 até os anos anteriores ao seu suicidio na Guarda o 5 de xaneiro de 1974, días moi difíciles nos que viviu co ánimo vencido. As paisaxes brancas e as persoas vestidas de negro da súa serie da Mancha, de mediados dos sesenta, expresan o seu interese polo Quixote. A serie taurina (1967), un traballo de encargo dunha revista norteamericana, serviulle para explorar as posibilidades expresivas das sombras. Mentres que nas fotos localizadas en Eivissa e Mojácar volveu sobre a súa relación obsesiva entre o ser humano e a paisaxe. Remata a mostra coas fotos tiradas en Galicia nos sesenta, onde recupera o interese pola ollada etnográfica, aínda que non faltan os motivos simbólicos en pezas como a do escaparate de chapeus da rúa do Vilar ou a do crego e as cadeas da praza do Obradoiro.

A mostra de José Suárez emociona até chegar a conmover. Todos e cada un dos seus cartaces posúen alma, todos eses retratos que non miran á cámara deitan melancolía, non exenta dun aceno esperanzado. Suárez soñou que o seu arquivo servise algún día para iniciar unha fototeca galega. Quizais esta excelente mostra, que viaxará a Buenos Aires no outono austral, coincidindo coa Feira do Libro na que Compostela será cidade convidada, contribúa a pór en valor a súa obra. Recoméndoa.

stylename="070_TXT_inf_01">bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats