Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Madame Le Pen et le plombier polonais

Van agora once anos desde que o escritor, humorista, cantaautor... Philippe Val acuñara a fórmula nas páxinas de Charlie Hebdo, se ben que o definitivo teorizador/difusor do concepto fose o fundador do MPF -Mouvement por la France-, Philippe de Villiers. Segundo el, a "directiva Bolkestein" -en favor da liberdade de establecemento e da libre circulación de servizos entre os Estados membros da Unión Europea- é a causante de que un fontaneiro de nacionalidade polaca -"un plombier polonais"- ou un arquitecto estonio chegasen a poder ofrecer os seus servizos en Francia cobrando o salario e dispoñendo das regras de protección social dos seus países de orixe. Para de Villiers, máis dun millón de empregos estarían ameazados por mor de semellante directiva; xa que logo, todo un ataque, un auténtico desmantelamento do modelo socio-económico vixente. Así as cousas, o 29 de maio de 2005 Francia votou maioritariamente "non" á Constitución da Unión Europea. Dous anos máis tarde era asinado, non obstante, un novo tratado constitucional en Lisboa; desta volta, o goberno gabacho -como así mesmo os gobernos doutros Estados da UE- cuidouse moi ben de realizar ningunha consulta aos seus concidadáns: contando coa aquiescencia do Congreso do Parlamento francés, en febreiro de 2008 tivo lugar unha revisión da propia Constitución de Francia que permitiu evitar, entón, o calvario nun novo referendo.

En abril de 2002 tiveron lugar as eleccións presidenciais do outro lado dos Pirineos. Na primeira volta das mesmas o candidato máis votado resultou ser o representante da dereita, Jacques Chirac. A segunda posición foi para o líder da Fronte Nacional, Jean-Marie Le Pen; en terceiro lugar -toda unha desfeita- veu quedar o socialista Lionel Jospin. Na segunda volta, absolutamente abraiados, movidos polo pánico, os electores de esquerda deron o seu apoio maiorotario a Chirac.

Máis próximas no tempo, en xuño de 2012 tiveron lugar as últimas eleccións lexislativas francesas. A pesar de devir a terceira forza política no tocante ao número de votos recibidos -tres millóns e medio, cunha porcentaxe do 13,60%- o FN tan só obtivo dous escanos na Asemblea nacional. A causa de tal radica, desde logo, no sistema de dúas voltas: ao presentarse sen aliados, as posibilidades dos seguidores de Marine Le Pen de obter representación tornáronse moi difíciles cando non directamente imposibles.

"Tant va la cruche à l´eau qu'à la fin elle se casse": entre nós, "tanto vai o cántaro á fonte..." (ou, xa postos, e cos nossos irmãos da outra beira, "tanto vai o pote à bica que um dia se lá fica"). Ou o que vén ser o mesmo, e se é que me conceden licenza para declarar un novo adaxio, "tanto va la democracia a la paradoja que un dia regresa coja". E velaí que, en efecto, e como todos Vdes. coñecen dabondo, Madame Le Pen vén de resultar a vencedora dos recentes comicios rexionais celebrados no Estado veciño ao obter un 41,65% dos sufraxios emitidos: isto é, un 30% por enriba xa da dereita clásica de Nicolas Sarkozy xa dos socialistas do presidente François Hollande.Proseguindo, daquela, na tendencia a acaparar o voto dos traballadores -un 43% da working class- e mais dos electores máis novos -un 35% dos xoves comprendidos entre os 18 e 24 anos apoia ao FN- Marine Le Pen aparece diante deles como a única posibilidade real cando "todo fracasou", a única efectiva executora dun "patriotismo económico" que seduce amplamente desde as riberias de Marsella a esoutras de Brest; desde as terras do Rosellón deica ao Paso de Calais. Todo iso nunha Francia con -apenas, desde a óptica española- un 10,6% de parados; "como e qué votarían de teren un 20%?" han de pensar, sen dúbida, algúns de Vdes.

"Todo se arranxará na segunda volta. A FN non conta con aliados, e socialistas e mais dereita clásica vanse xuntar para cortarlle o paso, tal e como xa sucedeu noutras ocasións": eis, polo visto, a única reflexión/actuación dos políticos tradicionais. A pregunta é: até cando vai seguir funcionando o paradoxo; até cando non romperá o cántaro?

Decididas as dereitas a eliminaren calquera resto de estado de benestar socialdemócrata; absolutamente incapaces de explicaren as esquerdas como si é posible rexenerar aquela fórmula; escravos, os uns e mais os outros, da globalización salvaxe; monicreques devotos de San Euro; funcionarios -valla o novo paradoxo- do peor capitalismo; actores dun circo decrépito... hai tempo, demasiado tempo, que deixaron/propiciaron que a extrema dereita ocupase o centro do terreo. Saben os lectores moi ben que acontece cando un equipo lle deixa ao outro o control desa zona: máis tarde ou máis cedo, a liga está perdida.

Evidentemente, o "plombier polonais" non era/non é máis que un puro mito. Infelizmente, cando se decreta a morte da razón, calquera mitoloxía pode contar con adeptos. Non; non se trata (aínda) da Apocalipse; pero as alarmas da Historia están en laranxa.

Compartir el artículo

stats