Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

dende o meu sofá

Vida digna

Por que a dor? Por que tanto sufrimento? Por que a temida e moitas veces inexplicable enfermidade? Por que?

Si. Indubidable e notablemente o humano é limitado e, polo tanto, apto para toparse sometido á dor, á enfermidade, ao sofrimento, á morte.

Por moito que insistamos hai respostas que permanecen e permanecerán no segredo do eterno. Ese eterno que nunca se someterá aos absurdos e ridículos do noso tempo e do noso espazo.

E ti es parte desta raza que camiña nun mundo cheo de xente que preferimos vivir tremendo ante o futuro antes que construir con coraxe o presente. Fuches parte desta sociedade revestida, hoxe máis ca nunca, dunha estraña capacidade para decidir quen pode vivir e quen debe morrer, quen interesa e quen molesta, quen ha de rir e quen non pode sequera comer. Un mundo no que ten máis valor o diñeiro que a liberdade, máis importancia a comodidade que a bravura, máis relevancia o pracer que a entrega.

Pero non foi máis digna a túa morte que a túa vida. Ti viviches envolta nunha dignidade que che foi dada desde o instante mesmo da túa concepción; unha nobreza grandiosa, extraodinaria, tremenda, eterna, que ninguén, nin sequera un xuíz, nin un médico, nin a deusa democracia poden extirpar xamais. A túa só foi unha morte adiantada. Din que non sufriches, non mo creo; todo parto vén con certa dor, tamén o parto final. Ademais, non podo aceptar que a ausencia de sufrimento poida vestir de dignidade o que a dor espiu. Non o acepto.

Foi longa a viaxe pero ao fin chegaches. Despois de horas de escuridade e de profundos vales de inseguridade, chegaches. E entendiches, agora xa si, que ningún de nós tiñamos dereito a deixarte morrer. Descansa na paz, Andrea.

Compartir el artículo

stats