Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Heidelbergenses e neandertais na Piteira

Case pasaron corenta anos dunha publicación de gran importancia para a Prehistoria de Ourense. Refírome a un artigo de Vicente Rodríguez Gracía sobre o xacemento paleolítico da Piteira, cerca de Toén e, por tanto, na contorna da nosa cidade.

A trascendencia do traballo, que viu a luz no ano 1976 e poden ler no número VI do Boletín Auriense, radica en que foi a primeira escavación científica dun xacemento deste tipo cerca do val de Ourense, como tamén das primeiras de Galicia. Ademais, porque o Paleolítico é a etapa da humanidade máis antiga, a que acolle toda a evolución humana ata o descubrimento da agricultura. Aquí, coma no resto de Europa, soe coincidir co primeiro poboamento, feito que soe remontarse segundo zonas, a centos de miles de anos e habitado por especies humanas distintas da nosa.

Polo de agora, o poboamento neste noso vello continente supera o millón de anos. Excepcionalmente o xacemento italiano de Pirro Nord ofreceu datas que se achegan a 1,7 millóns. Pero a maioría desta etapa, entre eles catro españois (Sima del Elefante, Barranco del León, Fuente Nueva 3 e Gran Dolina), constatan antigüidades algo superiores ou próximas ao millón de años.

De forma moi sinxela e esquemática, veremos catro grandes momentos da máis antiga Prehistoria do occidente europeo, o que nos axudarán xeito a comprender os achados da Piteira: o Paleolítico Inferior Arcaico, con ferramentas chamadas "cantos tallados" (ou tamén "Modo 1"), protagonizada polo Homo antecessor. O Paleolítico Inferior Clásico, con industria "achelense" ("Modo 2"), obra do Homo heidelbergensis. O Paleolítico Medio, coa industria "musteriense" ("Modo 3"), cuxa especie representativa é o Homo neadertalensis. Finalmente, o Paleolítico Superior, coas industrias "auriñacoperigordiense", "solutrense" e "magdaleniense" ("Modo 4") e protagonizada polo Homo sapiens, a nosa especie actual.

Visto o anterior, volvamos sobre A Piteira, lugar situado entre Moreiras e Toén, a 400 metros escasos ao norte do sanatorio. Alí un equipo formado polo autor da publicación, Vicente Rodríguez Gracía, xunto con profesores do Departamento de Prehistoria e da Cátedra de Edafoloxía da Universidade de Santiago, acometeron no ano 1974 dúas campañas de escavación.

Como vostedes adiviñan, estes traballos foron fundamentais para coñecer o poboamento antigo deste territorio con datos científicos, completando e mellorando notoriamente a información que ata entón proporcionaban os achados de ferramentas paleolíticas atopadas na superficie do terreo, sen un contexto arqueolóxico fiable.

Lembren que, como ben dicía David L. Clarke, as pezas arqueolóxicas ("artefactos") teñen dous grandes grupos de características, que a terminoloxía arqueolóxica denomina "atributos": os específicos e os contextuais. Os primeiros, refírense aos aspectos formais e tipolóxicos da peza en si. Por exemplo, o material con que está feita, a técnica de elaboración, as dimensións ou os sinais que desgaste que deixou o seu uso.

Mentres, os atributos contextuais refírense ás relacións desa peza con outros elementos do espazo e tempo onde foi descuberto. Deste xeito hase ter en conta se procede, entre outros, dun antigo poboado, dun cemiterio, dun taller de ferramentas ou dunha zona de despece de animais cazados. Así tamén, se foi atopado nun estrato arqueolóxico da mesma época en que foi utilizado ou, pola contra, nunha área alterada ou revolta en momentos posteriores. Estas series de atributos específicos e contextuais pódense combinar entre sí. Cando se obteñen bos datos nos dous sentidos, proporcionan excelente información sobre as sociedades do pasado.

Ata aquel momento, as terras da contorna de Ourense non contaban con datos relevantes para coñecer o pasado máis remoto, o Paleolítico, dado que a maior parte dos artefactos destas lonxanas etapas eran achados de superficie, moitas veces casuais, polo que só ofrecían atributos específicos. Fallaba un aporte fundamental que vostedes xa adiviñan: o contexto, tanto cronolóxico como cultural.

Aínda que na opinión do propio investigador o xacemento da Piteira ofrecera serias dificultades para obter datos precisos e definitivos, deu pé para alertarnos da presenza de neandertais na contorna. De feito, a ausencia de vestixios de lugares de habitación, o heteroxéneo conxunto de pezas descubertas, a dificultade de interpretación dos estratos arqueolóxicos ou a falla de elementos que permitiran ofrecer unha cronoloxía fiable, conducen a adxudicar o conxunto de artefactos alí descubertos ao home de Neandertal (lembren, industria musteriense, ou "Modo 3"), pero con mestura de ferramentas arcaicas e con outras adiantadas para a súa época, conxunto que xa naquel momento causou sorpresa entre os escavadores.

Tamén a distribución pouco ordenada ("anárquica") das pezas dentro das cuadrículas da escavación facía reflexionar a Vicente Rodríguez Gracía sobre unha antiga alteración do lugar. Existía a posibilidade de que puideran ter sido mesturadas pola erosión e arrastres de terras posteriores ás épocas estudadas pero, aínda así, en momentos bastantes antigos. Esta observación corroborouse en traballos máis recentes sobre os mesmos materias da Piteira, aplicando novos métodos. Así o constataron os arqueólogos Rosa Villar Quinteiro e Arturo de Lombera Hermida, ou o edafólogo Antonio Martínez Cortizas. A investigación actual está a verificar o mesmo fenómeno de alteración estratigráfica noutros xacementos paleolíticos do noroeste.

Deste xeito, hoxe sabemos que A Piteira ofreceu, a grandes trazos, dous grupos principais de pezas paleolíticas que foran desmanteladas e mesturadas por unha intensa erosión. As máis antigas (entre 400.000 e 300.000 anos) son características do Achelense Superior ("Modo 2"). O grupo máis recente, que puidera acadar a antigüidade de 120.000 anos), é Musteriense ("Modo 3").

Pero, quen eran estas xentes que hai centos de miles de anos fabricaron e utilizaron as ferramentas da Piteira?. Vimos como os últimos traballos falan de dúas etapas distintas.

As sociedades heidelbergenses, os primeiros en ocupar aquel territorio na Paleolítico Inferior Clásico, organizábanse en pequenas bandas nómades de cazadores e, sobre todo, recolectores. Máis que grandes monteiros, véñense considerando preeiros ou depredadores oportunistas, mesmo arrebatando as pezas cazadas por outros depredadores. De feito, o xacemento da Piteira atópase nunha pequena valgada, onde mana un regato estacional. Sería unha contorna con encharcamentos periódicos, propicia para a frecuentación de animais. Naquel entón, especialmente nas etapas non afectadas polo glaciarismo, gran parte da península tiña unha fauna moi parecida á africana, con rinocerontes, hipopótamos ou elefantes. Tamén grandes depredadores, como leóns, panteiras ou hienas.

Outra cuestión é saber que foi dos heidelbergenses. Realmente non se extinguiron, se non que evolucionaron noutra especie, a dos homes de Neandertal. Estes últimos, os nosos seguintes protagonistas, o son tamén do Paleolítico Medio. Visto deste modo, a transición entre os dous períodos foi tan progresiva como a evolución dunha especie noutra. Sen embargo a investigación ven situando o límite entre ambos hai 120.000 anos.

Gran parte deste novo período estivo afectado por unha rigorosísima glaciación (chamada würmiense). Aínda que as condición eran difíciles e a mortalidade moi alta (calcúlase que só o 5% dos individuos superaban os corenta anos), parece que os neandertais posuían unhas calidades humanas moito máis elevadas das que nun principio se pensaba. Sabemos que coidaban dos seus vellos, o que se deduce do ancián seriamente impedido atopado na cova de Shanidar, que foi atendido ata a súa morte. Tamén aparecen enterramentos con ofrendas. Incluso instrumentos musicais. Todo iso parece dotalos dunha capacidade simbólica antes só atribuída á nosa especie.

A diferenza dos seus ancestros heidelbergensis, os neandertais eran cazadores experimentados, con técnicas cinexéticas de oxeo, acoso e despeñamento. En momentos interglaciares constátase no norte da península a caza de grandes bóvidos e cervos. Tamén cabalos, xabarís, renos e outro de menos porte, como lebres e coellos.

As teorías clásicas sosteñen que os neandertais se extinguiron sen deixar descendencia, mentres que novos estudios xenéticos abren a porta a unha posible hibridación que está presente na nosa especie actual, o Homo sapiens. En todo caso haberá que agardar a que novos estudio confirmen ou refuten tal proposta.

Mentres tanto, non queremos perder de vista que agora estamos a lembrar unha escavación arqueolóxica pioneira publicada, e non só ao noso xuízo, por un excelente investigador, un supervivente do Renacemento. Porque Vicente, psiquiatra de profesión, ademais de recuperar co método científico a investigación do Paleolítico en Ourense é, como moitos de vostedes xa saben, un excelente naturalista, con recoñecidos traballos sobre a fauna e a flora, a quen non é difícil atopar armado cunha máquina fotográfica polos sitios máis inverosímiles de Ourense na busca de instantáneas representativas do noso ecosistema e, como non, tamén do noso pasado.

(*) Arqueólogo municipal de Ourense.

Compartir el artículo

stats