Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Director del Centro Autonómico de Formación e Innovacón

O presente: tecnoloxía e metodoloxía

O alumnado que se atopa nas aulas hoxe en día precisa de nós, os profesionais da educación, unha constante actualización do xeito no que traballamos, unha actualización imprescindible nesta "era dixital" que revoluciona o modo de facer e de relacionarse.

As tecnoloxías da información e dá comunicación constitúen un feito moi significativo na nosa vida diaria, se atopan nas tarefas máis complexas, vinculadas a creación e o coñecemento, pero tamén nas máis sinxelas da vida cotiá, lonxe quedan os tempos nos que a programación dun vídeo VHS era una tarefa só para iniciados. Que os avós teñan Skype para relacionarse con netos, que as reunións se concerten por Whatsapp, que moitas persoas abandonaran xa o uso de reloxos de pulso... son exemplos dese cambio silencioso que, como a choiva galega, non arroia pero, ao fin, enchoupa.

As aulas de hoxe non poden permanecer ao marxe desta situación. As tecnoloxías chegaron para quedarse e as aulas son parte dese devir diario de alumnado e de profesorado, pero tamén das familias.

Pero as tecnoloxías, os medios, non poden nin deben comprometer o fin: dotar ao alumnado de competencias persoais e profesionais que lle permitan levar adiante o seu proxecto vital. En definitiva, vivir e ser feliz. Sen embargo en demasiadas ocasións prestamos excesiva atención ao recurso material, ao "cacharro" (chámese ordenador, tableta, ou smartphone, tanto ten) que non nos deixan ver o bosque da metodoloxía.

Coma naquel anuncio que declaraba solemne "a potencia sen control non serve de nada" a tecnoloxía sen metodoloxía é unha casca valeira. O que podería parecer un simple cambio na presentación de materiais educativos é, en realidade, un cambio radical no paradigma de ensino-aprendizaxe. Os roles que o alumnado debe desenvolver cambian e pasan por ser competentes en elementos a veces difícilmente visibles e cuantificables, como por exemplo o liderado, o emprendemento, a resolución de conflitos, a adaptación a novas realidades ou a potenciación da creatividade en múltiples formas, ou o dominio de linguaxes diversas, para acadar o que se coñece como alfabetización dixital.

O coñecemento, segundo este modelo, pasa de estar baseado na repetición de contidos asimilados basicamente de forma memorística, a ser unha serie de competencias que cómpre usar en determinadas circunstancias e segundo os obxectivos que pretende acadar e os roles que se poden realizar.

Esta evolución, que non revolución, da educación, pasa necesariamente polo constante crecemento profesional dos e das docentes. Por iso, a formación do profesorado ten que impulsar e apoiar a actualización das prácticas educativas, promover o intercambio de experiencias e reflexionar sobre o cambio metodolóxico que precisa a inclusión das TIC na aula. Orientarse a que a teoría e práctica se unan para unha mellora da competencia dixital e do tratamento da información do profesorado. O papel dos e das docentes é, neste sentido, fundamental pois son os encargados de guiar ao alumnado e acompañalo no emprego das novas tecnoloxías, no seu uso responsable e na mellora da súa propia competencia dixital.

Ademais do esforzo realizado polas Estruturas de Formación Permanente do Profesorado na posta en marcha dos Plans anuais de Formación, con máis de 2.000 actividades formativas, é fundamental o papel dos propios centros no deseño dos seus plans de formación "a carta" na liña específica de TIC, que lles permiten abordar cuestións sobre metodoloxías activas, aprendizaxe colaborativa e outras temáticas nas que se usan as TIC de xeito transversal.

O sistema educativo galego ten amosado o seu potencial innovador cos proxectos Abalar e E-DIXGAL. Trátase de proxectos ambiciosos e complexos que requiren dun boa dose de espírito de superación e emprendemento por parte dos centros. A alta demanda que teñen este proxectos voluntarios, dos que se benefician máis de 52.000 alumnos e alumnas en máis de 500 centros, é unha sinal do compromiso de mellora, superación e esforzo no día a día do profesorado galego. Un profesorado que non está solo. Tan importante é poñer a disposición do profesorado unha formación adecuada como facilitar o intercambio de experiencias e materiais de calidade que elabora o propio profesorado. Nesta liña o repositorio de contidos do espazo Abalar é o lugar de publicación e posta en común de numerosos traballos elaborados polo profesorado para o profesorado. Máis de dous millóns de descargas de contidos abalan a utilidade do traballo en común e o bo facer dos profesionais do ensino galego.

O mellor xeito de crecer é crecer en comunidade e a comunidade educativa afánase en debuxar o futuro dá educación en Galicia, un futuro no que a tecnoloxía e a metodoloxía viaxan xuntas coa vocación de garantir ao noso alumnado o pleno exercicio dunha educación de calidade.

Compartir el artículo

stats