Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dende o meu sofá

A fin de Occidente

Os repugnantes e satánicos crimes levados a cabo polo terroristas islámicos e difundidos sen medo algún puxeron de manifesto, entre outras cousas, a covardía de Occidente. Estes asasinos avanzan aproveitando que a nosa civilización permanece acovardada sen aceptar que todo isto quedará escrito nos libros de historia nos que os estudantes do futuro aprenderán que os poderes occidentais baixáronse mansamente os pantalóns e non quixeron nin se atreveron a facer nada para defender aquilo no que se cimentou a súa existencia.

"Todo isto -a nosa civilización-, guste ou non, está a acabarse, se non o fixo xa. O horizonte está marcado pola bandeira negra do Califato, baixo a cal xacen a liberdade de conciencia e de corazón, a liberdade física, a liberdade de vivir dignamente e de profesar as propias conviccións de maneira libre e responsable", afirmou con rotundidade un arcebispo italiano a pasada semana.

Creo que non lle falta razón. E a culpa disto témola os occidentais, os que nas últimas décadas cremos que é máis perigosa a fe cristiá que o terrorismo islamita e coqueteamos descaradamente cun relativismo cristianofóbico pero abertamente islamofílico. E así apostatamos de nós e do noso inaugurando sen reservas o fin da nosa civilización. Por desgraza chegará o día no que admitamos -xa ás agachadas e coas sacristías ben pechadas- que non eran tan malas a liberdade, a igualdade, a democracia e a separación de poderes.

E mentres les isto Arabia Saudita, grande aliado de Occidente, segue coas negociacións e as presións pertinentes para construír 200 mesquitas en Alemaña e namentres nós e os nosos gobernos permanecen sentados no sofá asistindo sen inmutarse ao bochornoso espectáculo do fin de Occidente. Que si.

Engadido: Supoño que as de FEMEN volverán espirse nas igrexas e a insultar aos católicos porque este sábado fixérono nunha convención musulmá en Francia e desaloxáronas do lugar a patadas e con berros de "putas sucias, matarémosvos".

Cando Occidente morra de todo, non só serán berros.

Compartir el artículo

stats