Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Cunqueiro como siluro

Desde o día en que Manuela Carmena, maxistrada, pillou o varapau de alcaldesa de Madrid e ousou sentar na cadeira do Conde de Mayalde, a capital rancia, sempre co ABC ao sobaco, púxose a lle procurar as eivas á nova autoridade. Proliferaron os boatos, os rumores, as maledicencias. Correu a especie de que Carmena e os seus chavistas ignorantes lle ían quitar os nomes ás rúas madrileñas que, sen eu saber nada, levan os de Álvaro Cunqueiro, Julio Camba, Agustín de Foxá, e outras figuras literarias e artísticas, como Manolete, que formaron parte da negra trama franquista.

Por moito que José Manuel Ponte escribise, mesmo aquí, neste periódico, unha columna maxistral explicándolle ao público lector que no concello de Madrid non existen propostas para mudarlle tales nomes a estas e a outras rúas, en Galicia insistiron moitos escritores e periodistas en que os pretendidos plans anticunqueiráns de Carmena consistían nun "despropósito". Beiras recordaba, esoutro Día Nacional, a Gide. Dicía o fundador da novela francesa contemporánea que ás veces se repetía a si mesmo porque os franceses len pouco e hai que insistir unha e outra vez en determinados conceptos. Non, Carmena e a horda populista non intentaron nunca retirarlle o nome da rúa a Cunqueiro. Todo é unha afortunada fabricación, na que picaron algúns inocentes e que propagaron moitos interesados ben conscientes de que se trataba dunha falsidade.

O caso é que, dado que Nessie, desta feita, se converteu en siluro ou en escalo, o pobre de Álvaro Cunqueiro foi degradado e posto en función de serpe de verán por obra da dereita de Madrid. Parece que moitos non leron o artigo de José Manuel Ponte, polo cal eu véxome na obriga gideana de volver sobre o seu contido. O rumor relativo á rúa de Cunqueiro que vai desaparecer forma parte da entolecida campaña que a dereita está a desatar contra Manuela Carmena. Pola miña parte, o que máis me molesta do asunto é que poñan ao nivel de Cunqueiro os nomes de Manolete e de Julio Camba: polos seus gustos habédelos de coñecer. Unha onda de indignación procunqueirá conmoveu a imprensa de Galicia. En realidade, trátase dos mesmos e das mesmas que defenderon aí atrás a Filgueira Valverde dos ataques imaxinarios dunha esquerda ignorante da grandiosidade do polígrafo. Naturalmente, tales agresións a Filgueira, coma a guerra de Troia do outro, nunca tiveron lugar.

Hoxe (29 Xullo), a prensa de Madrid non ten máis remedio que sacar estes titulares: "Carmena paraliza 2.086 desahucios". En efecto, Carmena paralizou a venda das vivendas municipais de caracter social que prepararon Ana Botella co PP. Venda a "fondos voitre", que eu non sei que serán. Espero que a Carmena lle vaia moi ben coa súa "Versión Original": boa falta lle está a facer. "Paciencia, ratos, que o muíño ardeu".

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats