Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Sobre derrotas e derrotados

As derrotas, sexan do tipo que sexan, son resultados negativos que a pesares de non resultar do agrado de quen as sofre son circunstancias coas que debemos contar porque forman parte deste xogo ó que chamamos vida. Todos nalgunha ocasión tivemos que facer fronte a resultados que non agardabamos e que requiren dun tempo de adaptación para poder saír de novo a flote. Podemos aceptar polo tanto que a derrota e o fallo son elementos inherentes á condición humana ós que ninguén pode escapar. Esta realidade está estreitamente vinculada cun elemento da personalidade humana que resulta de gran interese no ámbito da psicoloxía como é a actitude que as persoas adoptan ante as adversidades. Existen grandes diferencias individuais nas formas de afrontar situacións adversas, xa que se trata dunha elección persoal e polo tanto variará notablemente dunhas persoas a outras. Esta elección ou forma de afrontar o fracaso di moito da persoa, posto que transmite información acerca dos seus valores, o seu nivel de control emocional...

Pensen por un momento no eido da política, onde as derrotas se producen con relativa frecuencia e que, debido ó seu carácter público, permítennos contemplar con bastante claridade as distintas formas que o ser humano ten de facer fronte ó fracaso. Así, a resaca electoral das últimas eleccións municipais e autonómicas está sacando á palestra un amplo abano de reaccións ante a derrota que van dende a elegancia mostrada por políticos como o señor Ángel Gabilondo na Comunidade de Madrid ata os inexplicables cambios de ideais da señora Esperanza Aguirre que están a deixar en entredito os seus principios éticos.

Hai poucos días viviamos un caso similar en Lalín cando Xosé Crespo manifestaba, en referencia ó novo goberno local, que "terán para vivir de rentas un tempo, porque ningún concello ten o nivel de inversión que nós tivemos". Declaracións como a citada demostran, na miña opinión, que a actitude do exrexedor local ante a derrota electoral non é precisamente a máis axeitada, posto que está a omitir, quizais por un mecanismo de defensa, información que resulta relevante. Así, parece que o señor Crespo esqueceu comentar que os partidos que conformarán o novo goberno de Lalín herdarán un concello con serios problemas como as altas cifras de desemprego ou a preocupante débeda resultado, entre outros factores, dos erros cometidos na xestión do parking Europa ou do Lalín Arena. Penso que un goberno que deixa en herdanza problemas como os citados non debería presumir de rentas, senón máis ben reflexionar humildemente acerca das causas da súa derrota. Recentemente os medios locais publicaban tamén unhas curiosas declaracións do señor Crespo, quen calificaba como "unha petición de neno pijo" a proposta de trasladar ó vestíbulo do consistorio o pleno de investidura do novo goberno local. Manifestacións como esta denotan unha mala actitude ante a derrota, produto quizais dun excesivo apego ó cargo. A famosa reflexión de Jorge Luis Borges "A derrota ten unha dignidade que a victoria non coñece" queda un tanto desvirtuada con comportamentos como os descritos nas anteriores liñas. Quizais a xornada de reflexión, propia do día anterior á celebración das eleccións, debería facerse extensible ás semanas posteriores para evitar actuacións impulsivas froito dunha análise pouco realista dos resultados electorais

*Veciño de Xaxán

Compartir el artículo

stats