Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Os porqués da desfeita electoral

"Se queres resultados distintos, non fagas sempre o mesmo". A frase de Albert Einstein cobra máis sentido, se cabe, despois do acontecido nas pasadas eleccións autonómicas e municipais que confirmaron o claro batacazo das forzas de dereita. Canso quizais de resultados decepcionantes, o electorado decidiu acudir á cita coas urnas seguindo o consello do xenial científico. Deste xeito, o abandono das vellas costumes e a aposta polo cambio colleu a máis de un co pé cambiado, confiado quizais en que todo seguiría como ata agora. É especialmente singular o acontecido en Lalín onde, contra todo pronóstico, o Partido Popular perdeu a hexemonía que viña desfrutando dende hai máis de dúas décadas. O certo é que, nun momento crítico para a o devir da nosa comunidade, o noso pobo demostrou unha enorme valentía e madurez democrática atrevéndose a romper cunha tendencia que parecía enquistada nesta parte do mapa.

O discurso dos que se opuñan ó cambio refuxiábase con frecuencia no argumento da experiencia como elemento que outorga maior credibilidade ó goberno local. Comparto parcialmente este punto de vista, posto que é certo que en ocasións a experiencia proporciona á persoa maior desenvoltura na actividade que está a realizar e permítelle facerse con novos recursos que poden resultar de utilidade no exercicio da súa profesión. Porén, considero que no caso de Lalín esa mesma palabra, a experiencia, foi a que rematou por convencer ó electorado de que o cambio era preciso. Explícome. A experiencia, o transcurso dos anos, permitiulle ós lalinenses comprobar, entre outras cousas, como en repetidas ocasións as promesas se quedaron niso, en promesas; ou como os proxectos ambiciosos terminaron por resultar demasiado custosos e insostibles. E paralelamente a todo isto os cidadáns foron comprobando, lexislatura tras lexislatura, que as súas necesidades prioritarias (o emprego, a educación de calidade) estaban a ser descoidadas. Iso é o bo (o ou malo, según quen o mire) da experiencia, que permite observar con perspectiva o pasado e despexar o panorama. Por isto, sería ilóxico pensar que tantos anos de aprendizaxe, de decepcións e descontentos, non foran ter influencia algunha no cambio de parecer dos lalinenses.

Por outra banda, semella que desta vez o demagóxico recurso do quedémonos como estamos ou do contrario os novos partidos provocarán o caos non fixo mella entre os lalinenses, quenes decidiron que xa ía sendo hora de tomar o timón dun barco que mostraba claros signos de atoparse á deriva. Quizais precisamente por isto, porque as fugas do barco eran demasiado evidentes como para ser tapadas con parches propios de campaña electoral, o noso pobo entendeu que era momento de cambiar de rumbo ou do contrario o afundimento sería inevitable. Por estes motivos considero que é de xustiza felicitar ós lalinenses, tantas veces acusados de permisivos e inmovilistas, xa que desta vez fixeron gala dunha madurez propia de democracias avanzadas. Esta lucidez permitiulles ser conscientes de que é preciso abrir portas e ventanas que chirrían produto do óxido acumulado e que o discurso do medo, lonxe de atemorizalos, resúltalles inofensivo e incluso cómico porque xa está máis que gastado. Agardemos que, tal e como lembraba o famoso lema da RAE, os tempos que se aveciñan sirvan para limpar, fixar e dar o esplendor que o noso pobo se merece.

*Veciño de Xaxán

Compartir el artículo

stats