En 1918 celebrouse en Lugo unha asemblea de personalidades representantivas de Galicia convocadas polas Irmandades da Fala para debateren un programa de autogoberno. Unha das propostas aprobadas avogaba por proclamar a soberanía estética da nación galega, que se exercería sobre as construcións urbás e rurais, ditándose unha lei que obrigue aos propietarios a axeitaren a respectaren as tipoloxías peculiares de cadanseu lugar, ao tempo que propuñan a expropiación de monumentos e paisaxes.

Tiveron que transcorrer moitas décadas -exactamente noventa anos- para que aquelas arelas fosen recollidas na Lei 7/2008 de protección da paisaxe de Galicia, que arbitra medidas para a súa ordenación e xestión. Esta lei considera a paisaxe como un elemento esencial para o benestar individual e social, cuxa protección, xestión e planeamento comporta dereitos e obrigas para todos; porque é un elemento fundamental da calidade de vida das persoas e por iso tamén debe ser o reflexo fiel dun territorio e dun medio ambiente de calidade, dunha sociedade moderna e consciente da importancia do seu patrimonio natural e cultural.

A degradación das paisaxes do noso territorio por mor da dinámica demográfica xerou profundos cambios nela coa perda de importantes valores. Para corrixir eses desmáns, outra lei, a de ordenación urbanística e pro- tección do medio rural, dispón que a utilización do solo rústico deberá potenciar a preservación da riqueza patrimonial que aínda subsiste eliminando elementos impropios que supoñan un risco de deterioro do medio ambiente, do hábitat e construcións adxectivas.

Ambas as dúas leis establecen a colaboración e coordinación entre as distintas administracións públicas para aplicar medidas eficaces na loita contra o desartellamento do medio rural e o chamado "feísmo" que se extende como un andazo pola paisaxe galega deshumanizando o territorio e atentando contra o patrimonio arquitectónico tradicional que tanta singularidade deu aos núcleos rurais.

A desidia dos concellos galegos foi cómplice desa desfeita patrimonial: alteración das tipoloxías tradicionais e desaparición de centenarios valados de cachotería reemprazados por outros de bloques de cemento con ocasión de retranqueos de camiños, alterando e deformando a natureza desas construcións.

A campaña electoral para os comicios galegos tería sido unha boa ocasión para que as candidaturas manifestasen nos seus programas esta preocupación polo hábitat rural e as medidas para corrixir as disfuncións apuntadas. A fealdade nunca é definitiva e irreparable se hai vontade para reducila ou neutralizala. Pero para iso cómpren medidas radicais como a declaración da soberanía estética dos concellos galegos, incorporando aos departamentos de urbanismo un servizo específico dedicado a velar pola estética da paisaxe e o hábitat fomentando a sensibilización da sociedade galega e aplicando criterios correctores nos proxectos que os particulares están obrigados a presentar para solicitar licenza de obras nas súas casas. As novas tecnoloxías fan posible recreacións virtuais para ofrecerlles aos veciños modelos de restauracións respectuosas coa tradición e integradas na paisaxe.

*Presidente do Foro E. Peinador