17 de mayo de 2015
17.05.2015
EDITORIAL

Inertes perante o desafío demográfico

17.05.2015 | 02:48

A crítica situación demográfica que arrastra Galicia estase a converter nunha realidade máis e máis agónica cada día que pasa. Son múltiples os indicadores desa gravidade. O que máis chama a atención é a persistente perda de poboación desde hai máis de tres décadas: o censo actualizado rexistra 2.747.559 habitantes, 64.383 menos ca o de 1981. Camiñamos cara o "crash" demográfico, pero os poderes públicos seguen tan inoperantes coma sempre para sacar a Galicia do precipicio ao que se dirixe.

Os expertos non cansan de repetilo. O economista xefe de economías desenvolvidas do BBVA Researchs, Rafael Domenech, foi o último en facelo o pasado martes na presentación en Vigo do informe Situación Galicia: o problema demográfico é un dos principais retos que ten por diante a comunidade. Relevantes persoeiros galegos, coma José María Arias, levan anos tentando concienciar aos responsables políticos e á poboación en xeral do tsunami que nos vén enriba. E aí seguimos, inertes perante tan titánico desafío.

Sen reactivación demográfica, a sustentabilidade da nosa sociedade está máis comprometida ca nunca. Sen poboación activa que garanta o recambio laboral, a situación faise explosiva. Sen transición xeracional, o futuro das pensións, dos servizos sociais ou da sanidade corre grave perigo. Sinxelamente porque a maior envellecemento, todos eses gastos aumentan ata límites insospeitados. Sen poboación tampouco hai consumo, e sen gasto a capacidade de atraer empresas e industrias é ínfima. Só unha comunidade produtiva e competitiva é quen de afrontar semellante carga. Ou, o que é o mesmo, sen progreso económico, o estado de benestar non será viable.

De pouco serven as melloras estatísticas na renta per cápita se son consecuencia do efecto compensatorio da caída poboacional. Crecemento vexetativo negativo, perda continua de habitantes, desertización de aldeas e terras, éxodo de talento e de mozos universitarios, fan presaxiar un futuro nada favorable. Así que canto antes nos arremanguemos para tentar endereitar esta perigosa tendencia, mellor nos irá a todos.

Enfrontámonos a un problema global con múltiples dimensións e implicacións, como alertan profesores de renome. Global porque non só afecta a Galicia. Outras moitas comunidades padéceno de maneira grave, así que encaralo fai necesario un pacto de Estado. Pero nin sequera é exclusivo de España. Toda Europa está afectada polo mal da vellez. Polo tanto, tamén a sociedade europea no seu conxunto debera afrontalo. Pero que un reto de dimensión global precise solucións tamén globais, non debe deixarnos cruzados de brazos esperando a que estas cheguen.

O diagnóstico galego é dos máis críticos. Ao envellecemento e á caída de habitantes, das peores de Europa, súmase unha elevada dispersión poboacional. O deserto demográfico ameaza con estenderse ao 15% dos nosos municipios. Medio cento de concellos teñen xa tan pouca densidade de poboación coma Siberia. Dezasete concellos de Lugo e de Ourense teñen menos de dez habitantes por quilómetro cadrado e outros trinta están a piques de chegar á mesma porcentaxe. Seguramente ningún deles reparou na comparación. Ocorre que na Rusia asiática a fuga de habitantes explícase por un clima que impón unhas durísimas condicións de vida. En Galicia non é o caso.

O declive da poboación na comunidade ten diversas causas e a economía, coma case sempre, é a principal. Aínda que non a única. Tamén as hai culturais e sociais. Que Galicia camiña cara o suicidio demográfico é unha realidade que admite a propia Xunta, que ademais busca frear a perda de veciños con incentivos fiscais á natalidade e con máis garderías. Pero as solucións parciais, aínda que sirvan de moita axuda, non son a panacea. Só coa creación de emprego se pode fixar poboación e facer posible o arranque familiar.

Estamos perante un reto que esixe algunhas medidas non só custosas orzamentariamente, senón realmente difíciles de aplicar. Outras medidas, en cambio, só precisan de sentido común. O litoral da comunidade segue acaparando obras tan faraónicas como absurdas, froito de irracionais caprichos megalómanos, que pagamos co diñeiro de todos. Incluido o dos habitantes desa Galicia interior cuxas estatísticas serven para acadar un plus na financiación comunitaria e estatal que, curiosamente, se acaba investindo nas zonas costeiras.

Cada cinco días unha aldea queda deshabitada. Xa hai 1.614 poboacións abandonadas e case 2.000 máis a nada de quedar baleiras. Galicia está á cabeza de España no abandono do rural: concentra a metade dos núcleos deshabitados de todo o territorio nacional e o 70% dos que están a piques de desaparecer. Douscentos dos seus 314 concellos teñen menos de 5.000 habitantes, o 63% do total.

Só 57 concellos (17%) superan os 10.000 habitantes, a barreira mínima segundo o Consello de Europa para garantir a suficiencia financeira. Sen poboación que os sosteña, moitos concellos acabarán colapsando. Pero a reforma profunda das administracións, neste caso das locais, nin está nin se espera, aínda que moitos dos que gobernan proclamasen no seu día que era absolutamente necesaria. Basicamente para aproveitar as economías de escala e abaratar custos de goberno. A máis habitantes, máis eficiencia económica. Pero aí seguen os mapas municipais españois fragmentados, con concellos ineficientes mesmo para a xestión dos servizos mínimos.

No caso de Galicia, o cacarexado plan de fusións da Xunta quedou nunha soa, a dos pequenos municipios de Oza e Cesuras. As fusións atopan moitas resistencias nos partidos porque os políticos non queren deixar as poltronas. Un politólogo explicábao moi graficamente esta semana: "propoñer a fusión dos concellos máis pequenos supón facerse o haraquiri político, xa que suprimes miles de cargos para militantes do teu partido". Ademais, os micromunicipios sosteñen as diputacións, nas que os partidos sustentan boa parte do seu poder.

Non nos enganemos por máis tempo. Baixo o drama demográfico e a crise económica subxacen problemas estructurais graves que, como tales, precisan de reformas estructurais profundas. Sen elas, non haberá unha verdadeira solución de fondo e será imposible que a economía galega medre a longo prazo por enriba da media española. Consecuentemente, o problema demográfico seguirá aí. Afrontar estas medidas transformadoras sen dramatismo pero con determinación e nitidez deberá ser unha tarefa esencial.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook