Opinión | DE BOLINA
XOSÉ RAMÓN PENA
En branco e verde
Na noite do 12 de marzo do ano 2000 -acudan ás hemerotecas, wikipedias, bases de datos e/ou aos bos oficios de Mr. Google todos os lectores interesados e/ou dubitativos- mentres no conxunto español o Partido Popular, liderado por José María Aznar, se alzaba como o gran vencedor das Eleccións Xerais, alcanzando a maioría absoluta (10.321.178 votos; 183 escanos no Congreso dos Deputados), nesoutros comicios para o Parlamento Andaluz, celebrados ese mesmo día, mes e ano, o PSOE de Manuel Chaves obtiña 52 escanos frente aos 46 que, da súa parte, aportaba o Partido Popular cuxa candidata á presidencia andaluza viña ser Teófila Martínez.
Doce anos máis tarde, o 25 de marzo de 2012, Javier Arenas conseguía, sen embargo, que o PP alcanzase 50 escanos no Parlamento de Sevilla, por diante desoutros 47 que ían para o PSOE de José Antonio Griñán quen, así e todo, viría ser proclamado presidente de Andalucía co apoio dos deputados de Izquierda Unida.
É dicir; nin nos momentos máis gloriosos, na tan cacarexada epifanía do aznarismo puro e duro. Nin tampouco nesoutros, igualmente esplendorosos, nos cales a socialdemocracia hispana aparecía arrastrada polo fango (en novembro de 2011, Alfredo Pérez Rubalcaba non pasaba dos 110 deputados -apenas o 28,76%-, fronte aos 186 -o 44,63%, maioría absoluta- en favor de Mariano Rajoy), foi capaz o Partido Popular de facerse co goberno das terras do sur de España. Xa que logo, a do pasado domingo, 22 de marzo, non vén ser máis que outra derrota máis sen que, infelizmente para os seguidores de Juan Manuel Moreno -si, así se chama o candidato, agora líder da oposición, non poñan Vdes. esa cara-, se lles poida aplicar aos "populares" aquilo de Ho Chi Minh (ou de alguén que se lle parecía): "iremos de derrota en derrota até a vitoria final." Non parece, certamente, valer tal fórmula nas beiras do Guadalquivir.
Existen, desde logo, razóns socio-económicas -e, superestruturadas sobre as tales, outras de carácter cultural ou mesmo pisocolóxico- que explican con bastante nitidez o por que dos resultados electoriais andaluces que vimos de observar: mellor dito, de todos os resultados electorais habidos en Andalucía. Digamos aqui e agora, apenas, que acontece que, se nalgún de España está "viva y coleando" a diferenza -mesmo a diferenza radical-, a disparidade de clases sociais, con todas as súas consecuencias á vista, iso ten lugar en Andalucía. Por razóns de carácter familiar, algo si que coñece, o autor das presentes liñas, aquelas terras; non obstante, se acoden Vdes. mesmos onde os barrios periféricos de Sevilla, Málaga... se pasean unha tarde calquera polo interior da provincia de Cádiz ou desoutra de Córdoba... entenderán de contado, sen necesidade de maiores explicacións.
Mais a pregunta que, con certeza, se andan a facer politólogos de postín/postineo, pero tamén, como é o caso, os que somos apenas "peatóns con opinión" -que escribira brillantemente Celso Emilio- vén ser ben a seguinte: constitúen, os votos andaluces, a véspera doutros resultados similares por toda España e arquipiélagos? Na estima deste, seu, modesto cronista, a resposta é que si... e que non. Tentarei explicarme.
Ao seu xeito e salvando as evidentes desemellanzas, ninguén se me alporice, o PSOE vén ser para Andalucía o que CiU para Cataluña ou o PNV para o País Vasco: para ben e/ou para mal e parafraseando fórmulas futbolísticas, "algo máis que un club"; é dicir, "algo máis que un partido". Polo tanto, nese sentido, o éxito de Susana Díaz non é transplantable, sen máis, máis aló de Despeñaperros. Xa que logo, algúns poden durmir aínda tranquilos.
Sen embargo, si que son vésperas, as de Andalucía, doutros acontecementos e, desde logo, principio dun mapa absolutamente descoñecido de España. Porque sen ánimo ningún de exercer de vidente, profeta ou experto pitoniso, si que tal semella que o que se está a debuxar constitúa un verdadeiro puzzle onde cada parte do Estado vaia completamente polo seu lado, canto a resultados e equilibrio de forzas políticas en xogo. Sen ir máis lonxe, non parece que o Parlamento de Barcelona, e/ou esoutro de Vitoria/Gasteiz -para alén desa aparencia común, malgré eux, entre PSOE andaluz, CiU e PNV - poidan deparar, nin de lonxe, uns froitos como os andaluces para sociademócratas e populares, ambas as formacións (case) en vías de extinción nos ámbito catalán e vasco. Un mapa político, das terras do sur, que tampouco se axeita ao que ben pode ocorrer en Madrid: na capital, desde logo, pero tamén na Comunidade, perfectamente gobernables por formacións diametralmente opostas.
Así pois, en branco e verde... alí onde ondea o branco e verde. Mais non se fíen, iso tamén, os lectores: coñecidas son as profecías pola súa falta de rigor e fortuna. En todo caso, non cabe dúbida de que nos agardan días e meses de moita acción.
Suscríbete para seguir leyendo
- Adiós al hijo de Carmen Borrego en 'GH DÚO' tras solo unos días en la casa: «Demandando»
- Agrio final judicial para la camarera de Vigo que se encontró el bar cerrado tras 10 días de baja
- Un terremoto con epicentro en Barro se siente en media Galicia
- Los tres trucos de los economistas para ahorrar en el Mercadona: 'Se ahorra un montón de dinero
- Vigo y A Coruña, incomunicadas por carretera después del atardecer
- Adiós a pasar la ITV a las motos en 2025: el Gobierno aprueba la medida
- Hallan el cuerpo sin vida de una joven detrás del ayuntamiento de Vigo
- Oporto estrena un destino español inédito para los aeropuertos gallegos