Opinión | Notas históricas

JESÚS DE JUANA *

O centro de Portela Valladares

A este cadro inicial, Salvador de Madariaga cre que é ineludible añadi-la especial idiosincrasia española da que o rasgo fundamental cifra na inexistencia dun espírito de cooperación. "O español medio permanece encerrado na concha do seu individualismo, inasequible a toda coordinación. A súa máxima sociabilidade maniféstase no café, suma aritmética de monólogos incoordinados. Xenial será o estadista -escultor de pobos- que consiga realiza-lo gran milagre de España: a síntese dos monólogos. Na nosa Patria non hai conversación".

En resumo, pois, a imaxe do progreso rectilíneo cara á esquerda non lle serve. Ademais de falsas e perigosas, as tendencias esquerdistas, afirma, "ocultan un desertismo, unha negación de todo o social, o coordinado, o culto".

Pero tampouco aproba coma solución válida a que lle personaliza o bando contrario; é máis, considera coma realmente lastimoso que o sector "máis apostólico" e ultramontano das dereitas españolas, o que non conseguiu carta de natureza baixo a moderadísima Restauración, puidera chegar hoxe a gobernar, hoxe, baixo a República (lembremos que escribe a primeiros de maio de 1935), e despois de que có nobre esforzo do 14 de abril "críamos a España para sempre emancipada de todo clericalismo". Cánovas conxurou este perigo debilitando a parte máis radical, facéndose respectuoso coa relixión e concedendo á dereita unha elevada dose de clericalismo para que esta non pasara a unha oposición frontal.

Flexibilidade

Se a República fora máis flexible, comprensiva e contemporizadora có sector católico, "a masa que hoxe reforza ó ultramontanismo ata darlle un auxe que non tivo baixo os Borbones viñérase ó partido do centro, a convivir có centro esquerda humanista, non católico, pero non anticatólico, que é -sego crendo- a modalidade dominante na clase media española". Deste xeito escindiuse o centro nun "centro dereita que, por lei fatal de equilibrio, tivo que caer cara o clericalismo cando o centro esquerda caeu cara ó anticlericalismo". Esta era a barreira infranqueable que impedirá a formación e consolidación do centro.

Máis adiante, ante a posibilidade real de que agora chegara ó poder o sector máis clerical, ante "a ameaza ultramontana", plantexaba o tema eterno da modalidade especial do pobo español para a política, abocado sempre a movementos pendulares que os seus líderes deberían haber corrixido e moderado. "Dous son as modalidades extremas en España. Á primeira van unidas ansias revolucionarias, furias que situacións concretas xustifican..., á segunda van apegadas tamén pasións de toda índole..., dende o case que santo ata o que xa, por non seren cristián, nin humana é sequera. Todo o que sexa esforzo da esquerda vigoriza a dereita; todo o que sexa apoio á dereita vigoriza a esquerda. Pero estas polarizacións mutuas elevan a temperatura das súas respectivas pasións. E así, ó final do túnel, a Guerra Civil". ¡Que verdadeira profecía!.

Nestes presupostos mentais fundamenta a súa opinión de que entre o clericalismo e o socialismo non cabe máis que un grande partido que englobara a tódolos existentes dende o agrario ó socialista - con exclusión de éste-. Un partido de centro ó que correspondería depurar ambas tendencias, "establecendo entre elas unha zoa templada onde todo lo lexítimo que ambos conteñen poida vivir en paz... e chegar, ó fin, e ensanchar o centro a expensas dos extremos ata facer unha maioría prudente cunha política viable e de ritmo nin lento nin torrencial". "O progreso político, moral e cultural do noso pobo está nas medias tintas, nas complicacións, no equilibrio entre as forzas, na vía media entre os extremos. Está no centro. Está na proa".

Nunha carta dirixida a Lerroux, na que se pon á súa disposición para colaborar en tarefas de Goberno, maniféstalle as súas preocupacións e dános evidente mostra do atinado que estaba ó previr o futuro. Despois de apuntarlle ó vello anticlerical que non era prudente violentar os costumes católicos do pobo, dille que está "archiconvencido de que a República ten que ter o pé firme sobre a vida militar. O seu discurso de Zaragoza, os rumores de oferta de carteira Franco, e os que lle atribúen a vostede a intención de amnistiar a Sanjurjo cáusanme profundísima inquietude... ¿As miñas razóns? Coido que o vicio cardinal do pobo español é a súa tendencia a resolve-las cousas públicas pola violencia. Este vicio supón dous: Crer que a idea propia é a única salvadora, e crer que, aínda que así fora, unha idea implántase pola forza. É PURA BARBARIE. Pero foi e será en España tendencia e tentación forte en todo individuo con mando de forzas efectivas. Dela padeceron no século XIX unha cadea de xenerais que no XX están representados por Primo e Sanjurjo. Se perdoamos este crime, o máis grave de todos, estamos perdidos. E ademais, herdarán o vicio os novos "xenerais", é dicir, os xefes con mando das tropas, que hoxe se chaman FrancoSanjurjoPrimoLargo Caballero.

Sen embargo, e paradóxicamente despois de estas verbas, as circunstancias obrigaron a Madariaga a defende-la política de amnistía (que afectaba a Sanjurjo) que preconizaba o Goberno ao que pertencía. Nas súas Memorias dirá que integrarse naquel Goberno foi un dos grandes fracasos da súa vida política.

No clima pesimista da primavera do 36 Salvador de Madariaga explica nos escritos deses días tódolos males políticos que padecía a nación e que, na súa esencia, podíanse reducir a síntomas dunha soa enfermidade: a desintegración. "Ó lado dunha vitalidade asombrosa, que explica a súa subsistencia a pesares da súa disparatada historia, España padece unha vontade de destrucción de sé, un querer non perseverar no seu ser, unha ansia de morte coma nación que, trocando diametralmente o senso no que as enerxías vitais circulan nunha nación sa, lévala á súa desintegración, á súa disolución en area de estepa, en polvo de deserto... A calquera nivel a que nos coloquemos na organización política e social de España observaremos esa disrupción, ese desgarre, ese resquebraxamento, esa negación do conxunto, esa coma vesánica delicia que os españois gozamos ó afondar a raia para face-la fosa, o foso para facelo abismo". (MADARIAGA, S. de, "La desintegración de España". A. 19-V-1936).

Poucos días despois (10-VI-36) dirá: "País de todo ou nada, de saltos bruscos, de candil a electricidade, de moxigatería a amor libre, de beatería a incendios de igrexas, España sente na integridade do "cambiazo" (nótese o aumentativo característico do español) unha atracción especial. A nada hispánica estremécese ante ese todo".

Pasaría pouco máis dun mes para que se cumprira a tráxica profecía que o notable polígrafo coruñés vaticinara un ano antes: "A un pobo que morre de guerra civil dádeslle coma remedo a guerra civil". (13-III-35).

Portela Valladares

Na política galega do primeiro tercio do século XX quizais non existe personalidade de maior interese que a de Manuel Portela Valladares (1868-1952), do que non temos un estudo biográfico propiamente dito pero sí dous textos de memorias acompañados por sendos estudos preliminares de indubidable calidade debidos á pluma de José Antonio Durán (Memorias. Dentro del drama español. Madrid, Alianza, 1988 y Dietario de dos guerras (1936-1950). Notas, polémicas y correspondencia de un centrista español. A Coruña, Edicións do Castro, 1988).

Típico membro dunha burguesía ilustrada e con preocupacións intelectuais, que chega á fortuna en parte pola casualidade pero tamén por razóns conxugais, Portela ofrecía xa nos anos trinta a imaxe dun político do pasado aparentemente incapaz de levar a cabo accións colectivas. Durán definiulle coma un "vello carbalo solitario" e non hai dúbida de que esa descrición pode ser certa. Sen embargo, toda a primeira etapa da vida de Portela testimonia unha vontade renovadora con respecto ao réxime da Restauración. Foi deputado por Fonsagrada (Lugo) non coma herdeiro dun distrito a mercede dós favores dun encasillado oficial senón gracias ó apoio de entidades agrarias, o que é un testemuño de que no sistema de liberalismo oligárquico da Restauración tamén existían deputados cun apoio popular. Se non organizou un partido político, contou, ao cabo, cos sindicatos.

O que, sen embargo, inculcaba o sistema da Restauración, porque partía dun moi marcado pesimismo sobre a realidade da vida pública española, era un profundo realismo e unha conciencia da inevitabilidade de recorreren a procedementos que evitaban o protagonismo das masas, en parte porque a posibilidade de levar a cabo a citada mobilización vírase decepcionada en moitas ocasións precedentes. Típico de Portela foi, en efecto, ter durante toda a súa vida unha visión e unha actitude política pragmática e descrida para a que o esencial era a orde máis cós principios. Por elo non ten nada de particular que, nos seus escritos autobiográficos, o adversario máis caracterizado non sexa ningunha personaxe da dereita ou da esquerda extrema, senón Azaña, exemplo do intelectual convertido en político. No seu dietario deu Portela un perfecto exemplo de canto antecede ó definir "o arte político" coma "flexibilidade, ciencia humana, ondulante e inaprensible". Unha frase coma esta estaba moito máis cerca, sen dúbida, de Romanones que de calquera personaxe de certa importancia na política republicana dos anos trinta.

Pero o sistema político da Restauración era tamén liberal e elo queda confirmado na traxectoria e nas posicións de Portela, quen pertenceu de maneira clara a este sector político, coma queda testemuñado polo seu avance no "cursus honorum" e na súa carreira política durante a época de Canalejas. A condición liberal conlevaba tamén vontade de transacción que Portela soubo practicar dende o Goberno Civil de Barcelona achegando a sectores políticos lonxanos coma eran o nacionalismo e os radicais. Pero o seu carácter de home de orde e autoridade por procedementos de estricta legalidade queda patente tamén na súa xestión coma representante do Estado na capital catalana.

(*) Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo e director do centro asociado da Uned en Ourense.

Tracking Pixel Contents