Opinión | Os camiños da vida

X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Era unha pedra pedriña

Vilanova dos Infantes, que antes fora Das Infantes, é un pobo que foi concello de seu e que no presente depende do de Celanova. As máis antigas mencións históricas de Vilanova son as que a poñen en relación con Ilduara, ou Aldara, Eriz e Gutier Méndez, nai e pai daquel Rosendo que foi príncipe, guerreiro bispo e que, finalmente habilitou Celanova, na aba dos montes do Laboreiro e nas veigas do río Sorga para sede dun famoso convento. Estamos a falar do século X. Ilduara foi morrer no cenobio de donas de Santa María de Vilanova dos Infantes. Rosendo é Santo canónico e oficial.

Mataron de má maneira o abade de Vilanova, e fixeron tal morte a carón do porpiaño cativo labrado á mozárabe que veu de Santa María. El era o crego bó e cargado de virtudes, entre as cales destacou valor fundamental do cristianismo que non é outro ca o da caridade. Os que fomos os seus amigos e os familiares del estamos tristes e doídos. Pero como el, Adolfo Enríquez Méndez, era o conservador simbólico dos libros de nacementos, mortes e casamentos nos que están os nomes e as circunstancias de todos os agora vivos de Vilanova, así como de todos os mortos desde que o Concilio de Trento mandou rexistrar os fitos vitais dos fregueses. Para os veciños e orixinais de Vilanova dos Infantes, entre os cales me atopo, Adolfo, o crego asasinado, era o gardián dos libros ou sexa da memoria da nosa colectividade.

E se o crime é horroroso, a desaparición da Virxe do Cristal acentúa a dor, e o desconcerto parece xeneralizarse. "Era unha pedra/era unha pedriña pedra -que escribira Curros Enríquez no seu poema sobre esta Nosa Señora enigmática-. En realidade a Santa non é un ovo, como canta Curros, senón máis ben un clindro vítreo duns centímetros. No seu interior locen dúas imaxes, de aspecto oriental, dunha única e encantadora Señora de rostro fascinante. Non se coñecen outros obxectos semellantes no mundo, sabémolo todos en Vilanova. Os ladróns asasinaron o abade e levaron seguramente a Señora do Cristal, que, polo momento non aparece.

En Vilanova, en Celanova e en toda a contorna a xente está desolada. Estámolo, porque, alén dun obxecto de fe, a Virxe do Cristal é un símbolo da nosa colectividade. O ano de Vilanova xira en redor da Festa do Cristal, na que se celebran os ritos identitarios o principal dos cales é a procisión da danza ancestral. Toda Galicia está afectada porque o inxenio de Curros Enríquez nos legara os versos inesquencibeis d'A Virxe do Cristal. Para moitos vellos, e non tanto, de Vilanova a vida non se entenderá moi ben sen ise cilindro mínimo e cargado de sentido social, de reminiscencia, da memoria da estirpe.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents