Opinión | segunda feira

X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Inseguridade e pistoleirismo

Certamente, a globalización política e económica chegou ao seu fin. Constitúense no mundo novos bloques. O liderado dos EEUU retrocede en poder e en autoridade moral. Hai uns anos podían os EEUU converter o presidente Saddam Hussein nun esperpento monstruoso e despois pendurado polo pescozo, até, morrer mentres a Humanidade ben pensante batía as palmas.

Hoxe intentou facer o propio, o Imperio de Norteamérica, co presidente El Assad pero non lle resultou posibel as ministras de Siria seguirán coa cabeza descuberta. En América Latina, antes Hispanoamérica, xúntanse os pobos e os estados na CELAC, na Unasur, na Alba e outros aglomerados, e todos recoñecen a lexitimidade de Cuba. En Oriente, Rusia e China chegaron a acordos históricos adiando problemas tales coma o de Mongolia. Transcende os hemisferios a alianza do BRICH. Certo, Rusia é o estado mais grande do mundo e China o máis poboado.

Os bloques antes citados constitúen unha maioría da Humanidade que é dona das meirandes riquezas naturais. Camíñase de xeito lento, máis seguro, a unha desdolarización. Ou sexa, que o mundo unipolar que, so a autoridade politicomilitar de Norteamérica, rexía no planeta onte deixou paso a un mundo multilateral.

O cal nos aporta unha grave preocupación. A Europa de 1914 era multipolar, e deseguida se constituiron dous polos imperialistas que intentaron destruírse o un ao outro mediante unha guerra atroz. Aquela guerra comezou cun asasinato político en Sarajevo. Nestes momentos asistimos a unha escalada de violencia política.

Primeiro o derrocamento do goberno de Ucraína mediante a insurrección armada, a seguir dun conflicto no que chocan a OTAN e Rusia frontalmente. Outra contrarrevolución violenta combate o goberno de Venezuela, elixido mediante sufraxio universal e directo. Logo, os EEUU fomentan o crime político individual. Matan un fiscal arxentino e un político ruso da dereita pronorteamericana. Comeza a expanderse aquel cheiro a pólvora y que exhalan as automáticas dos provocadores, de 9 mm. Na realidade, os disparos dirixíanse a ese político de quen pouco ou nada tiñamos ouvido falar ou a Vladimir Putin, que non é para nada Boris Ieltsin? A Cristina Fernández ou ao extraño fiscal?

Por unha banda os corazóns dos homes e mulleres ceibes do mundo alégranse co cesamento, parcial, das medidas contra a Cuba revolucionaria, e co avance do socialismo en libertade que estamos a ver en Venezuela, Nicaragua, Ecuador, Bolivia. Pero as políticas, de guerra, instigadas polo Imperio, amosan o seu xesto torvo. Estamos a vivir un mundo desglobalizado pero cada vez máis inseguro. Aí estamos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents