Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Despois da rotonda

As fotografías do "Bernardo Alfageme" escoltado pola policía cando era trasladado dende as gradas de Beiramar á rotonda de Coia formarán parte das historias tristes de Vigo. Esta pintoresca travesía nocturna por terra é un caso insólito en Vigo, onde os barcos nunca precisaron de ser protexidos por dotacións policiais, onde son benqueridos pola cidadanía fondeados no anfiteatro natural da ría, atracados nos peiraos ou colocados sobre as gradas dos estaleiros. Os vigueses fomos educados, e continuamos educando ás novas xeracións, no respecto polos barcos e polas persoas que neles traballan. Vigo é unha cidadebarco, unha cidade portuaria capaz como abella da ribeira de construír dende hai máis dun século as embarcacións máis diversas que, como lembrou Valentín Paz Andrade, abriron as rotas do mar de Galicia.

Vigo ten o seu ADN na ría. Os guindastres e os barcos en movemento, as buguinas das factorías da Beiramar, por ventura, aínda marcan o latexar da cidade. A cidadanía viguesa ama os barcos, sabe do seu valor, transmitido na memoria familiar de milleiros de obreiros das factorías e dos mariñeiros que participaron en longas e perigosas mareas dos mares do alén. Xaora, en Vigo chantar un pesqueiro de 24 metros de eslora nunha rotonda non semella unha boa idea. Non serve para convertela en icona da cidade nin tampouco para poñer en valor unha peza do patrimonio da nosa industrial naval e cultura marítima, que hai unha década foi incorporada ao patrimonio municipal por unanimidade de todos os grupos políticos para ser conservada como "buque-museo" e utilizada con finalidades educativas e culturais. Quen tivo a ocorrencia (non sei chamala doutra forma) de chantalo para adornar a rotonda de Coia, ademais, non comprendeu que isto era un disparate nunha cidade onde a arquitectura móbil dos transatlánticos e ferries, que se cruzan decote entre os edificios e as torres da Colexiata, si forma parte da súa identidade.

Alleo a este tipo de ideas e aos argumentos do movemento veciñal e de entidades sociais de Coia, que consideraban innecesaria esta actuación ornamental e faraónica nun barrio con importantes carencias sociais e un elevado nivel de desemprego, Abel Caballero impuxo contra vento e marea o seu criterio de chantar o barco na rotonda, mesmo en contra do criterio da maioría da cidadanía viguesa, representada na corporación polo Partido Popular e o BNG, e expresada en dúas votacións plenarias. Transformouse así o conflito da rotonda de Coia en expresión dunha forma que criamos superada hai décadas da xestión dos problemas veciñais, onde os responsables do concello non deixaron espazos ningúns para a participación das entidades do barrio nin para un debate cidadán sereno nos medios onde se confrontasen argumentos nin sequera para a negociación sobre o caso por parte das forzas políticas. O despregue de numerosos efectivos da policía local e algúns excesos verbais dos responsables do equipo de goberno queceron aínda máis un conflito que se foi convertendo en expresión do malestar cidadán polos déficits das políticas sociais do concello e polas formas da alcaldía de entender a xestión do espazo público. Sorprende que o equipo de goberno socialista non identificase que este conflito é apenas o síntoma, se queremos chamalo "a anécdota", das doenzas sociais provocadas pola crise nun barrio/cidade coma Coia que, ademais, tras case cinco décadas da súa apertura, precisa de actuacións urxentes sobre as súas infraestruturas e servizos básicos.

Sei que moitas veces os datos estatísticos son tan antipáticos coma clarificadores. Segundo o ránking publicado polo Ministerio de Facenda, os 66,8 euros de gasto en protección social por habitante sitúan a Vigo no posto 2.945 (por detrás da Coruña) entre arredor de cinco mil localidades. Unha posición que explica as carencias neste eido denunciadas de forma reiterada pola asemblea de movementos sociais de Vigo, como non abonda coa actual política de axudas municipais de emerxencia social que non sempre chegan ás persoas que as precisan.

Xaora, o máis decepcionante do conflito da rotonda foi a incapacidade dos responsables municipais, sobre todo do alcalde Abel Caballero, de tender unha man de diálogo co veterano movemento veciñal de Coia, cuxa traxectoria ética, compromiso cos problemas do barrio e coas persoas máis desfavorecidas é incuestionable. Os problemas políticos abórdanse nas mesas de negociación. Non hai outro camiño. Nun marco democrático o exercicio do goberno require sempre dun esforzo continuo de interlocución interinstitucional e da existencia de canles de diálogo coa cidadanía. Sen esquecer que non hai maior icona para unha cidade que a calidade de vida de toda a súa veciñanza. Algo a considerar tras o conflito da rotonda.

stylename="070_TXT_inf_01">bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats