Galicia ten mudado a súa estructura demográfica pero tamén económica e social durante os últimos 30 anos, deixou de ser unha sociedade xoven, rural, tradicional, illada, atrasada e sen capacidade de goberno para converterse nunha sociedade avellentada, cada vez máis urbanizada, mellor comunicada, máis industrializada, cun desenvolvemento tecnolóxico como nunca coñeceu, e con institucións de goberno propio e unha significativa capacidade de decisión política. Polo tanto, debe ser neste contexto de transformación e modernización social, cultural e económica no cal debemos interpretar a actual crise demográfica e o futuro dos galegos e galegas. Amais, debemos ter en conta que Galicia non é allea ao avellentamento xeralizado que coñece Europa, seguemos as pautas, pero a Xunta de Galicia e os nosos gobernantes están obligados a avanzar rápidamente na planificación dos servizos públicos prevendo e planificando o futuro. Actualmente Galicia está á cola de España en canto a prazas de residencias de anciáns, asistencia e teleasistencia pero resulta que encabeza os rankings de avellentamento demográfico. Pero significa esto que debemos apostar pola construcción de residencias en todos os concellos galegos? Ou en todas as súas 3800 parroquias? Temos recursos públicos suficientes para prestar servizos universais ás 30.000 entidades de poboación dispersas que son a metade das que existen en toda España?

Debemos reflexionar sobre a Sociedade da Información e do Coñecemento e a súa relación coa planificación dos servizos sociais e dun novo modelo de desenvolvemento sostible para Galicia. Existe un discurso na literatura académica o cal defende que estamos asistindo á relativización da marxinación da periferia fronte ao centro ao ser superado o determinismo xeográfico da distancia. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística no 2013 en Galicia o 63% dos seus fogares xa dispoñían de ordenador con conexión a Internet cando no 2012 era o 60%; e dende o 1999 ata o 2013 o incremento foi dun 3% máis de fogares por ano. Amais na actualidade tan só o 3,2% dos fogares galegos non teñen posibilidade de contratar o acceso á Internet na súa vivenda; o 90% de todos os fogares usan o teléfono móbil; amais 4 de cada 5 galegos e galegas xa teñen teléfono móbil.

Con estes datos cabe prever que na década do 2020 a práctica totalidade dos fogares galegos disporán de ordenador e acceso a Internet e entre os galegos e galegas o teléfono móbil será de uso universal coa opción, tamén, de conexión á Internet. Polo tanto ábrense importantes interrogantes sobre o uso, a oferta e demanda de servizos públicos de atención as nosas numerosas cohortes de persoas xubiladas e vellas; tanto en educación social, en sanidade, en ocio, seguridade ou en servizos administrativos ou xurídicos. Debemos ter moi presente que o acceso á información e ao coñecemento vai estar ao alcance directo sen obstáculos de calquera galego ou galega independentemente do lugar onde estean, vivan nunha cidade, vila, barrio, lugar, urbanización ou nunha aldea.

O cambio social que se aproxima na próxima década para a sociedade galega ponse en evidencia no feito de que no 2013 tan só o 8% das persoas maiores de 65 anos se conectaron á Internet pero si o fixeron practicamente na súa totalidade os máis novos e a gran maioría da poboación adulta de 25 a 54 anos (79%). Polo tanto nun prazo de 10 anos os nosos maiores serán "xubilados dixitais" capaces de acceder e empregar a Rede para mellorar a súa calidade de vida. Neste contexto a Xunta de Galicia debe ordenar, xerarquizar e planificar os servizos sociais eficientemente evitando o despilfarro na construcción de residencias de anciáns con data de caducidade.

Os apartamentos e casas tuteladas xorden con renovada forza para cubrir esa demanda potencial dos novos xubilados galegos, cada vez máis activos, independentes, con maior esperanza de vida e aptos para moverse en Internet na procura de información e coñecemento. Pero onde estarán localizados ditos apartamentos e casas? En calquera aldea ou vila galega? Non esquezamos que miles de aldeas, lugares, parroquias van desaparecer en 10 anos porque a tendencia actual é nídea cara o despoboamento e abandono do rural excéntrico, fortemente avellentado e illado. Asistimos á concentración espontánea de xubilados en vilas, cabeceiras de bisbarra e núcleos urbanos na periferia das nosas ciudades; como podemos incentivar, ordenar e planificar este proceso? Como xerarquizamos e ordenamos os servizos sociais en xeral para esa Galicia inminente que xa comeza a agromar paseniñamente en asentamentos urbanos concentrados? Os galegos e galegas necesitamos un liderado con visión de futuro global para pensar colectivamente nunha Galicia posible, sostible; un liderado capaz de prever os cambios e os impactos do novo escenario social, cultural e económico que se abre diante do envellecemento activo da súa poboación. A eficiencia social e territorial no investimento dos recursos públicos se presenta como un desafío.