Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Corrupción e ética do servizo público

Non era previsible, mais a corrupción desbordou e entrou a formar parte da axenda pública. A administración de xustiza traballa arreo nos diferentes casos e os medios de comunicación abren coas novidades das investigacións. Respiramos unha atmosfera política noxenta provocada pola malversación de fondos públicos, branqueo de capitais ou cobro de comisións, entre outros graves delitos, que están sendo xulgados en diversas instancias e comunidades, que afectan a membros da propia familia de El-Rei, dos principais partidos sistémicos (PP, PSOE e CIU) e organizacións empresariais e, nalgún caso, sindicais.

A longa lista de casos xudiciais abertos como Gürtel, Noos, Malaya, Eres, Palau. As operacións anticorrpución como Púnica, Pokemon ou Zeta, por citar algunha das que se desenvolven en Galicia. Os escándalos políticos como os da familia Pujol e a súas contas millonarias no estranxeiro, o de Bárcenas e os seus sobres en be, o caso Baltar e as súas contratacións familiares ou o recente caso Monago e as súas viaxes pagadas polo Senado. As xubilacións millonarias dos responsables das caixas de aforro galegas e o emprego das tarxetas negras de Caja Madrid por parte das persoas que promoveron dende as súas poltronas as estafas das participacións preferentes? Casos todos que conforman un cadro desolador de corrupción, unha auténtica catástrofe para a ética do servizo público, identificada pola cidadanía, como un dos principais problemas, no máis recente barómetro do CIS, o mesmo que sitúa a Podemos como primeiro partido en intención directa de voto.

Casos e comportamentos que aparecen vencellados ao modelo de financiamento irregular dos partidos, arrastrado dende a mal chamada "Transición", ou ás prácticas dun réxime clientelar dalgunhas adxudicacións públicas, artellado sobre un sistema de amizades, conseguidores e comisionistas profesionais. Por non falar daqueles servidores públicos que aproveitaron os impostos dos contribuíntes ou os aforros dos impositores para pagarse vidas a corpo de rei, onde non faltaron as viaxes pola cara ou os caprichos máis sofisticados. Todo feito diante nosa, mesmo neste período máis recente de austericidade, cando foron máis duros os recortes para os máis humildes, sen que apenas, con honrosas excepcións, se falase desta vergonza nos xornais, tertulias e columnas de opinión.

A corrupción é un síntoma dun problema máis profundo, o do funcionamento deficiente das institucións públicas, transformadas en obxecto de saqueo por unha minoría de políticos e empresarios sen escrúpulos, alleos a calquera principio ético do servizo público. Como tamén é sintoma da ausencia ou ineficacia de controles internos e externos na xestión dos servizos e administracións públicas. Sen desbotar a existencia dunha certa pasividade social e complicidade cultural sobre estes comportamentos corruptos ou irregulares, tan frecuentes en feitos como aceptar "a mentira en lexítima defensa", non exixir factura dos traballos pagados, percibir cobros en negro ou considerar aos corruptos apenas coma pillos moi afortunados.

Rematar coa corrupción require tolerancia cero con ela, considerala como e unha lacra para a convivencia democrática, asumindo unha ética do servizo público alternativa, baseado na transparencia, austeridade e control cidadán. Un código ético que debería afectar tanto aos servidores públicos, sexan os elixidos como os funcionarios, coma aos empresarios e ao conxunto da cidadanía. Rematar coa corrupción require modificacións nos sistema de financiamento dos partidos, de retribución dos cargos públicos e de adxudicación de contratos e servizos. Mais tamén, coa intención de axilizar os procesos e que ningún caso de corrupción quede impune, dotar de máis medios as administracións que a perseguen, sobre todo as de xustiza, a inspección de facenda e a policía xudicial. Sabemos que os procedementos penais son lentísimos e nalgúns casos cando se dita unha condea, tras un gran esforzo xudicial prodúcese un indulto que deixa todo en auga de castañas.

No entanto, se os partidos sistémicos queren facerlle fronte ao anunciado tsunami de Podemos de novembro de 2015, deberán asumir dende xa que a responsabilidade política debe ser moito máis exixente ca penal, xa que estas condutas corruptas non prescriben politicamente. Razón pola que a presunción de inocencia non é aval abondo para manter a un imputado no seu cargo público, xa que, neste caso, cómpre protexer o interese xeral.

Acadar un comportamento político inserido nunha ética do servizo público é síntoma dunha democracia avanzada. Se non se erradica a lacra da corrupción, non sería descartable que estivese en moi serio perigo o réxime monárquico instaurado tras a Reforma Política.

stylename="070_TXT_inf_01">bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats