10 de noviembre de 2014
10.11.2014
campo do fragoso

Efecto Caparrós

10.11.2014 | 02:17
Jonny conduce el balón perseguido por Sissoko durante el duelo ante el Granada en Balaídos. // R. Grobas

Despois dunha semana de gloria, na que se xuntaron a proeza histórica no Camp Nou e a chamada a selección de Nolito, que supón un recoñecemento de Vicente del Bosque ao noso extremo artista, mais tamén á calidade do xogo do cadro celeste, na noite chuviosa do pasado sábado o Celta reduciu unha marcha a súa velocidade fronte a un durísimo Granada baixo os beneficios do "efecto Caparrós".

O veterano adestrador andaluz soubo tecer outra vez con éxito o seu farrapo táctico capaz de dificultar o xogo combinativo celeste e mesmo poder levar os tres puntos como froito dalgún contragolpe. Nada que poida sorprender de quen como adestrador do Deportivo, Sevilla, Mallorca e Levante só perdeu nunha ocasión en Balaídos, naquel derbi de abril de 2007, na tempada do último descenso, sendo adestrador celeste o efémero Stoichkov, grazas a aquela bóla máxica de Gustavo López que Baiano soubo matar na área pequena.

Dende o inicio, Caparrós intentou gañar a partida no encerado táctico. Dispuxo de dúas liñas de catro moi xuntas, capaces de entremesturarse coa facilidade dos fíos dun nobelo, que impedían a Krohn-Dehli e Hernández abrir xogo sobre os seus extremos ou enviar sobre Larrivey, que libraba unha durísima batalla física cos centrais visitantes. Con ese farrapo táctico, executado con enorme disciplina e sen desbotar o contacto físico ao límite do regulamento e as condutas antideportivas no gume do "fair play", Caparrós creou un valado moi difícil de superar. Con todo o Celta, soubo ser paciente, non perdeu a confianza, iso si, deixando a maior responsabilidade a que fosen Hugo Mallo e Orellana os que dende as bandas abrisen algunha fenda. Nas accións do internacional chileno chegaron as mellores ocasións. Roberto, o porteiro chantadino do Granada, agasallou unha pelota que Hernández, a porta baleira, non soubo aproveitar. Mágoa, tamén doutra clarísima, a gran cabezada de Sergi Gómez nun saque de recanto de Nolito ao pao longo que quedou frouxa. Caparrós renunciaba ao ataque conformándose con enviar globos por riba do seu valado sobre Sissoko e Córdoba, dúas torres adiantadas, que obrigaron a un gran Radoja a facilitar as axudas aos seus centrais.

Tras a reanudación, Caparrós continuou levando a iniciativa táctica. Fixo os tres trocos decontado procurando sorprender á defensa galega. Como xa é adoito, Berizzo tardou moito en introducir cambios. Fíxoo con escaso acerto, cando o equipo recuaba, amedrentado por dez minutos máxicos do Granada nos que Rochina, un dos recén incorporados, errou dous remates que ben puideron levar ao Celta á lona. Só nos dez minutos finais, o Celta recuperou o pulo, grazas ao paso atrás de Caparrós, para quen o empate era un bo resultado, como tamén pola entrada de Álex López, un xogador fulcral para upar ao equipo sobre a área rival, hoxe por hoxe moi por diante en forma e determinación ca Pablo Hernández. Mágoa que nin os barullos na área nos seis minutos do desconto nin o derradeiro remate de Orellana que Roberto despexou de milagre modificasen o resultado. Aí estiveron dous puntos.

A pesar do difícil que é contrarrestar en Balaídos o "efecto Caparrós", o Celta puido e debeu gañar o partido. Desta volta, a Berizzo faltoulle a intuición necesaria para introducir antes na lameira a Álex López e a Fontás, e mesmo a Santi Mina ou Charles, que quizais puideran ter creado outras superiorades en ataque e evitado algúns disgustos defensivos froito do inevitable cansazo de enfrontarse a un rival fisicamente superior. Xaora, este empate constitúe apenas unha mudanza a unha marcha máis corta que pode axudar a introducir máis rotacións no cadro, imprescindibles para afrontar con garantías unha competición da que faltan por xogar aínda case tres cuartas partes.

stylename="120_TXT_dep_dsp">bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook