Galicia está cambiando moi rápido. O territorio, tal vez de xeito silencioso, muda día a día e nos non o percibimos. Nunha época na que o cambio se asocia a virtude e o movemento a progreso seguro que alguén nos di que é boa sinal. Se o territorio fose un barco diríamos que avanza! Porén os cambios indican tendencias de desagrarización intensa, polarización e simplificación territorial que marcan actualmente boa parte da traxectoria. En última instancia son algúns dos grandes retos que afronta a sociedade galega. Que rumbo leva o territorio, e o que é máis importante, hai alguén ó temón?

O recente estudo dos investigadores da USC Eduardo Corbelle e Rafael Crecente púxolle números ós cambios dos que falamos: entre 1985 e 2005 case un de cada dous metros cadrados do país cambiou de uso. O noso entorno mudou completamente dende fai menos de 30 anos. Probablemente as décadas de maior transformación do territorio galego na súa longa historia. Mais eses son números. Que hai detrás? O titular do referido estudo, citado recentemente neste xornal, resume esa transformación como un proceso de urbanización, forestación e abandono. Un proceso no que desapareceu case a quinta parte da superficie agrícola existente ó comezo do período, unha extensión equivalente á suma das comarcas de Vigo, o Baixo Miño e o Condado. Pasamos dun país cunha potencia agraria que permitiu alimentar a densidades de poboación das máis altas de Europa a estar á cola do continente en proporción da extensión territorial dedicada a producir alimentos. Moito menos que países fortemente industrializados como Alemaña, Holanda ou Francia. Será que ós galegos e galegas nos gusta menos comer, ou que non nos fai falla o posto de traballo que se xera por cada 17 hectáreas de superficie agrícola? Tristemente, mesmo de vez en cando alguén se gaba de termos deixado de ser un país agrario. Con todo, o problema transcende a cuestión agraria e deixa ver as outras dúas tendencias territoriais mencionadas ó principio: a polarización e a simplificación territorial.

Galicia vaise fragmentando entre a intensificación da fachada atlántica e a marxinalización do oriente. Unha dicotomía a nivel económico, social e ambiental que ultimamente se ven chamando 'desequilibrio'. Lugo e Ourense destacan como as provincias en Europa cun envellecemento máis acusado. E mentres, o intenso incremento de infraestruturas no eixo atlántico non é capaz de cubrir unha demanda que medra aínda máis rápido. Estas dúas son noticias que comparten páxina nun xornal galego. Como no exemplo do polo (eu como un, ti ningún, e non é que os dous comamos medio), no territorio non nos serven as medias.

O segundo elemento, máis difícil de ver, é a simplificación. Non fai tantos anos en calquera concello galego, mesmo en calquera parroquia, colleitábanse diversos cultivos, producíase carne, ovos e leite, cortábase madeira para construción, para leña ou para mobles, transformábanse moitos dos anteriores produtos, e aínda quedaba espazo para outras actividades. Levaríanos tempo describir con detalle os aproveitamentos e producións dun puñado de quilómetros cadrados. Tamén nos levaría tempo analizar como se construía un entramado socioeconómico máis rico que a suma das partes. O mesmo exercicio levaría hoxe moito menos tempo na inmensa maioría dos concellos galegos: nun predomina a urbanización, aquel outro está practicamente forestado, noutro avanza o abandono. Máis aínda, 'forestado' significa normalmente eucalipto, e mesmo onde aínda se mantén un aproveitamento agrícola máis intenso trátase aquí 'só' de leite, aló só de 'viño' e acolá só de 'patacas'. Dicimos satisfeitos que iso é especialización territorial, pero pasamos por alto os riscos inherentes a apostar todo a unha carta, perder capacidade de adaptación, e deixar de aproveitar sinerxías entre diferentes actividades. É como se a evolución fose dende un organismo complexo cara unha simple ameba.

Igual que no conxunto do planeta, cada vez máis de nós vivimos nas cidades, e fomos simplificando a relación co territorio e coas terras, das que, non o esquezamos, seguen sendo propietarios e propietarias arredor de millón e medio de galegos e galegas. Xa poucos de nós aproveitamos a terra de xeito directo. Os intereses individuais están desarticulados, polo xeral deslocalizados, lonxe dende un punto de vista xeográfico, mentres os intereses colectivos foron teoricamente asumidos (por veces apropiados) polas Administracións e esmoreceron alí onde mellor poden evolucionar, nas comunidades locais. Urbanización descontrolada, perda de superficie agrícola, abandono? O DOGA ten páxinas e páxinas dedicadas a atallar estes procesos, pero á vista dos datos expostos, semella que con resultados discutibles. A DOGacracia non é gobernanza.

Hai algúen no temón do territorio? Onde está o sector público, onde a sociedade civil? Ó mellor temos que reflexionar sobre isto porque xa se sabe que acontece cando un barco vai á deriva.