A vitoria en Elxe, tras a marabillosa combinación in extremis entre Krohn Dehli e Nolito, deixou ao celtismo ao abeiro de tan perigosos cantos de serea como son os que se escoitan nos territorios da euforia. Tras bastantes tempadas de axuste orzamentario moi severo, con proceso concursal e límite salarial incluídos, compensados na medida do posible cunha aposta arriscada pola incorporación ao primeiro equipo de xente da canteira, semellaba que esta tempada o Celta xa podía volver a soñar con formar parte do grupo selecto de equipos que loitan polas tres prazas da Europa league. A calidade do xogo e os resultados do que foi bautizado como "o equipo de moda" convidaban a non renunciar a soñar. Xaora, tras a derrota fronte ao Vilarreal, un aspirante consolidado a estas mesmas prazas europeas, convén baixar da nube e axustar decontado unhas poucas deficiencias que arrastra o cadro do Totto Berizzo.

Dous equipos cun esquema de xogo bastante parello libraron onte unha durísima loita pola posesión da bóla. Sen dúbida ningunha que durante a primeira media hora foi gañada con claridade polos celestes. Mágoa que nin Orellana nin Nolito en dúas ocasións nin Krohn Dehli aproveitasen algunhas das oportunidades creadas polo fermoso xogo combinativo e a intensidade celestes. Os internacionais chileno e dinamarqués, dous grandes pasadores, debuxaron xogadas sobre espazos baleiros de grande beleza, que mereceron maior recompensa cos aplausos da bancada.

Porén, chegou o fatídico minuto 32 no que -tras a confusión que na defensa celeste provocou pouco antes a primeira tarxeta a Fontás, froito do seu duelo táctico e físico con Giovani- o ruso Cheryshev gañou con facilidade a liña de fondo desequilibrando á defensa galega cara a banda esquerda, creando un espazo para que o seu envío sobre Moi Gómez, libre de marca ningunha, lle permitise marcar a pracer. Con gol tan inesperado, no primeiro contragolpe visitante, o Celta caeu de súbito en shock. Tras sacar de centro, no primeiro pase os celestes perderon a pelota, o que soubo aproveitar o moi arteiro Gómez para xutar en carreira dende ben lonxe e superar a un Sergio que debeu facer un pouco máis. A debacle puido xa ser completa cinco minutos máis tarde, tras unha cantada do noso porteiro nun saque de recanto cabezado por Bruno moi cerquiña do pao. O Celta derrubábase coma un castelo de naipes en apenas dúas distraccións. Mágoa! Nesta liga a concentración e a intensidade non admiten intermitencias ningunhas.

Porén, a pesar de recibir castigo tan severo, o Celta non tirou a toalla. Krohn Dehli mereceu o gol nun pexegazo soberbio que o porteiro visitante despexou de forma milagreira. Moi pouco antes do descanso, Nolito roubou unha bóla entre os centrais que aproveitou Larrivey para reducir a diferenza na táboa de marcas. Durante a segunda parte, o Celta tirou de corazón e acurralou aos amarelos na súa área. A verdade que non tivo a fortuna doutras ocasións. Fontás puido marcar nun remate na área pequena, mais foi expulsado despois tras a batalla heroica que agora libraba con Uche. Como tamén mereceu o gol unha cabezada de Larrivey que vimos nas redes. O terceiro dos amarelos chegou no derradeiro minuto, cando o Celta en inferioridade xa ía con todo. Foi un resultado moi avultado para o que sucedeu na lameira.

Con todo, desta primeira derrota poden tirarse algunhas ensinanzas. A primeira, a rixidez na dirección do adestrador, que ao longo dos encontros utiliza moi escasas variantes tácticas. Outrosí sucede coa carencia de revulsivos, froito tanto dun cadro de xogadores reducido como das escasas rotacións introducidas até agora no equipo de gala. En Balaídos perdeuse onte apenas un partido e moito aínda se pode mellorar cara o futuro.

stylename="070_TXT_dep_dcl_03">bretemas@gmail.com