Custoulle ao Celta ferro e fariña gañar o derbi fronte a un Deportivo moi competitivo e difícil de dobregar. Intensidade, afouteza, emoción, medo, ledicia, beleza, lealtade, respecto e fair play foron algúns dos ingredientes que derrocharon ambos os dous equipos ao longo dun derbi futbolístico fermoso e igualado que resolveu no minuto 88 de forma heroica o gardarredes celeste Sergio Álvarez. A memorable estricada felina do bautizado como "o gato de Catoira", que cos brazos abertos coma papaventos aguantou en pé até o límite o lanzamento do bosníaco Medunjanin, formará parte da historia lendaria dos nosos derbis. Unha parada extraordinaria nun momento decisivo dun canteirán de corazón cen por cen celeste que durante varias tempadas agardou no banco a súa oportunidade para convertirse no inicio desta tempada nun dos heroes do equipo de Berizzo.

Chegaba ao noso derbi o Celta invicto, cun equipo feito, un esquema de xogo consolidado, fronte a un Deportivo moi necesitado de recuperar a autoestima tras ser varrido o pasado sábado en Riazor polo Madrid. Semellaba a oportunidade ideal dos celestes para recuperar o seu liderado histórico do fútbol galego e abandonar diante dos seus seareiros as decepcións da síndrome de Riki. En definitiva, o Celta parecía disposto a retomar o fío da última vitoria ao Deportivo, xa hai sete anos, cun tanto de Baiano. Porén, a pesar do espectacular gol de Nolito aos tres minutos do inicio, que prometía unha festa do xogo de salón celeste, despois foi todo moi igualado e desputado na lameira. Custoulle moito máis do previsto ao Celta roer un óso tan duro como o que presentou Víctor Fernández. Ben sabiamos que se trataba dun derbi galego.

Como xa é adoito, durante case toda a primeira parte o Celta mandou grazas a súa disciplina táctica, tanto na colocación como na intensidade da presión, o que lle facilitaba alternar o seu xogo de toque en proximidade co de balóns máis directos e longos sobre o centro e as bandas. Unha solución táctica de Berizzo, que non achegara o andamio de Luís Enrique. O primeiro gol naceu dese novo crisol. Un saque de banda cabezado cara atrás por Larrivey facilitou a Nolito a xenialidade dos seus caneos e o xute sobre o pao longo. Dous toques, dous caneos e un remate. Unha marabilla! Mais coma é inevitable, a medida que o Celta foi perdendo fol na súa presión asfixiante, á que non foi allea a contusión do bravo Radoja, o Deportivo foi espertando amodiño, sobre todo grazas ás entradas pola banda dereita e Juanfran. Tras a reanudación, os deportivistas xa eran donos de seu. Tras un primeiro aviso de gol que conseguiu chapar Sergio, chegou a igualada de Cuenca na táboa de marcas.

Cando o Celta estaba máis baixo, conseguiu saír de novo a flote grazas ao xogo aéreo, outra das mudanzas de Berizzo. Por fin, un saque de recanto en altura foi cabezado ás redes por Larrivey, un nove clásico nato, un auténtico atlante, dignísimo sucesor de Mario Bermejo. Secasí, o tanto do arxentino non pechou o partido, xa que os coruñeses arrepuxéronse de novo. Berizzo sacou á lameira a todos os defensas dispoñibles no banco para durante quince minutos preparar unha contención meduliana. A alternancia de xogada de perigo nas dúas areas foi constante, a pesar da extenuación de ambos os dous cadros. Cando faltaban dous minutos, Cabral cometeu o desafortunado penalti que agoiraba unha inevitable igualada. Xaora, a parada histórica de Sergio Álvarez fixo ruxir Balaídos coma nunca. Un derbi heroico, salvado in extremis, grazas á serenidade do gardarredes no instante decisivo. O Deportivo foi un gran rival fronte a un Celta invicto (xa en cinco partidos), disposto a recuperar o seu soño.

stylename="070_TXT_dep_dcl_03">bretemas@gmail.com