23 de septiembre de 2014
23.09.2014
Campo de Granada

Un plan para a lingua

23.09.2014 | 01:48
Un plan para a lingua

Hai dez anos, o 21 de setembro de 2004, o Parlamento Galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Foi aquel un día histórico (ou así o crimos moitos) para o galego, ese patrimonio milenario que a humanidade deixou ao noso coidado. Foi aquela unha páxina máis do libro da esperanza do noso país, escrita con sintagmas de simpatía, optimismo e xenerosidade e impresa coa tipografía colaborativa de noso.

Promovido e elaborado durante o goberno presidido por Manuel Fraga Iribarne, do que era vicepresidente Alberto Núñez Feijóo, correspondeu a Xesús Pablo González Moreiras, daquela Director Xeral de Política Lingüística, cuxa personalidade integradora lembramos con saudades, convocar e animar para a súa redacción a unha comisión técnica presidida polo académico Manuel González, organizada en oito comisións sectoriais, nas que traballaron máis de cen persoas de diferentes ámbitos profesionais e académicos que recolleron máis dun milleiro de opinións, achegas e inquedanzas de persoas, asociacións e colectivos educativos, culturais e cívicos diversos.

Tras un intenso debate e un modélico (e pouco frecuente) exercicio de consenso por parte dos tres grupos parlamentarios (PPG, PSdeG-PSOE e BNG), o plan foi aprobado co voto de todos os membros da cámara galega. Un éxito colectivo memorable que merece ser recordado. Deseñábase así unha completísima folla de rota, apoiada por todos os grupos e alicerzada sobre a Lei de Normalización Lingüística de 1983, un auténtico plan integral e estratéxico de normalización que pretendía servir de guía das políticas dos poderes públicos (dende a Xunta de Galicia ás administracións locais) sobre a lingua galega nas primeiras décadas do século XXI. Un plan que se poñía en marcha cando comezaban a percibirse síntomas moi preocupantes do devalo social da lingua, da ruptura da súa cadea de transmisión familiar e da aceleración do seu proceso de substitución polo castelán.

Orientaron a redacción do documento do PXNLG a consecución de cinco grandes obxectivos, hoxe plenamente vixentes e aínda non acadados, como o de "garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe", sabendo que conta co amparo das leis e das institucións; favorecer o uso do galego nos distintos ámbitos da sociedade, "conseguindo para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos", como os da educación e administración; ou "promover unha visión afable, moderna e útil da lingua galega que esfarele prexuízos, reforce a súa estima e aumente a súa demanda". Obxectivos que se concretaron para cada un dos sectores (administración e xustiza, ensino, medios de comunicación, economía, sanidade e ciencias, e sociedade) en máis de 400 medidas concretas, cuxa posta en marcha debería ser incorporada pola Xunta de Galicia a un plan anual cuxa avaliación e seguimento sería presentada ao Parlamento Galego.

Transcorrida unha década, aquelas enormes potencialidades do PXNLG para darlle un novo pulo ao galego apenas se aproveitaron, fose polo seu tímido desenvolvemento inicial no goberno de Touriño, como e sobre todo pola aberta belixerancia dos gobernos presididos por Feijoo, que xa dende a oposición albiscou, non sabemos se por convicción ou por oportunismo, o rendemento electoral que lle produciría abrazar a doutrina de "la imposición del gallego" e a defensa da denominada "liberdade lingüística". Amparándose nesa liña doutrinal foi especialmente intensa a contrarreforma lingüística imposta polo primeiro goberno de Feijóo, que coa aprobación en 2009 do "Decreto de Plurilinguismo" (parcialmente anulado despois polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) levou a unha sensible redución da utilización do galego como lingua vehicular no ensino non universitario e a súa práctica desaparición dos centros de educación infantil, sobre todo os dos entornos urbanos. Dende entón, o goberno de Feijóo desvinculouse de facto das medidas programáticas recollidas no plan xeral, reduciu até nun 70% as partidas destinadas para a lingua e desentendeuse dos mecanismos previstos de planificación e avaliación do plan. En román paladino, aquel consenso arredor do plan de 2004 quedou en auga de castañas.

Nun entorno de auténtica emerxencia, cando os informes sociolingüísticos recentes agoiran unha lenta agonía para o galego, a lingua precisa dun plan integral de recuperación acordado e apoiado por unha ampla maioría social e política. A recuperación dos obxectivos e medidas estratéxicas do PXNLG, así como o espírito participativo e de amplitude de miras co que foi elaborado, aventuro que moito axudarían a recuperar o consenso. A nosa lingua, a de todos os galegos, merece outra oportunidade.

stylename="070_TXT_inf_01">bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook