Este verán produciuse en Galicia unha escalada de violencia machista. Até finais de agosto foron seis as mulleres asasinadas (catro na provincia de Pontevedra) polos seus maridos, noivos ou amantes ou polos seus ex maridos, ex noivos ou ex amantes, un número de vítimas que duplica as de todo o pasado ano, sendo o peor rexistro deste tipo dos últimos cinco, semellante ao doutras comunidades como Catalunya e Madrid de moito maior poboación. Escalada que tamén se produciu no conxunto do estado, onde estas cifras criminais son tamén tremendas, xa que até o pasado seis de setembro eran 41 as vítimas da violencia machista, dez máis que na mesma data do ano anterior, xa preto das 55 de todo o 2013. Cifras a engadir á estatística da última década na que se levan computadas máis de setecentas mulleres asasinadas. Unha barbaridade que debera ser considerada e abordada como un fenómeno terrorista, unha lacra a erradicar de raíz, un problema político e social de primeira magnitude.

Porén, este noxento terrorismo machista non recibe por parte da nosa sociedade no seu conxunto, nin dos seus poderes públicos en concreto, a mesma repulsa e a mesma severidade que a lacra do terrorismo político. Quizais iso explique as razóns polas que as penas para os condenados polos delitos asociados á denominada "violencia de xénero" son sensiblemente menores ás dos crimes políticos. Quizais iso explique que diante da opinión pública este crimes contra as mulleres se transformen en froitos dunha cegueira transistoria por un amor non correspondido, polo feito de ter sido abandonado, por un ataque de celos ou mesmo pola falta de traballo do asasino. Quizais, tamén por iso, os actos de repulsa por cada un destes asasinatos case nunca convoquen a milleiros e milleiros de persoas, quedando reducidos á rotina dos minutos institucionais de silencio, á expresión da dor das familias e amizades nos enterros e ás teimosas mobilizacións de resistencia do movemento feminista. Quizais por iso a excarcelación prematura destes asasinos non provocara nin as protestas nin a indignación da doutros autores de atentados. Quizais por iso eses centos de mulleres asasinadas non recibiron a consideración de vítimas do terrorismo. Semella que estes asasinatos continuos de mulleres fosen apenas unha inevitable e fatal expresión dunha violencia no eido do privado imposible de atallar, un fenómeno que non provocou aínda suficiente "alarma social" para ser abordado como cuestión de estado.

A pesar de que xa hai case dez anos foi aprobada a "Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero" a loita contra o terrorismo machista nunca chegou a formar parte do primeiro plano da axenda pública, aquela que manexan os poderes públicos e os medios de comunicación. Así o entenden as organizacións feministas que a pasada semana entregaron no Parlamento Galego unha táboa reivindicativa na que reclamaban a posta en marcha dunha serie de medidas contra a violencia machista, no marco dunha abordaxe integral do problema. A loita contra a lacra machista non é unha responsabilidade só das políticas e departamentos de Igualdade, xa que corresponde a acción global dos gobernos.

As medidas educativas encabezan sempre estas accións destinadas a combater o virus machista que inocula de forma silenciosa a sociedade. Sexa por medio de programas coeducadores nos centros, rachando xa dende a educación infantil e primaria cos funestos estereotipos actuais do universo rosa de princesas para as nenas e dos superheroes violentos para os nenos, como polos programas de educación afectivo-sexual impartidos para o alumnado adolescente de Secundaria, nos que se deberían poñer en cuestión os funestos modelos de amor de cadeado, onde hoxe teñen a súa orixe moitos comportamentos machistas e violentos da nosa mocidade e mesmo algúns destes crimes.

Por importantes que sexan, para loitar contra esta violencia machista non abonda coas medidas educativas. Precísase, ademais, completar o mapa de xulgados especializados en violencia de xénero e poñer en marcha medidas para axilizar a tramitación de denuncias. Cómpre desenvolver campañas de concienciación sobre a corresponsabilidade social para illar aos agresores. Como tamén é necesario respectar un protocolo de actuación a respecto do tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación na liña das recomendacións do Colexio Profesional de Xornalistas. En definitiva, requírense medios para desenvolver programas específicos nos eidos xudicial, sanitario, laboral, asistencial e de protección das vítimas e das súas familias. E, polo tanto, a mobilización de recursos económicos públicos, o que resulta incompatible coas políticas de recortes nunha cuestión de estado coma esta.

stylename="070_TXT_inf_01">bretemas@gmail.com