Opinión | CAMPO DE GRANADA
Editor e profesor
MANUEL BRAGADO
Consumo galego
Sempre que podo escoller, consumo produtos galegos, sendo entre eles da miña preferencia os etiquetados e publicitados na nosa lingua. Lonxe de poder ser considerado como excéntrico ou chauvinista, sei que este comportamento é cada vez máis frecuente tanto nos consumidores como nos produtores galegos, sobre todo de produtos alimentarios, tanto polo que ten de carácter de consumo responsable co medio ambiente como solidario coa lingua e cultura galegas.
Cando vou ao mercado do Progreso ou o supermercado do noso barrio, prefiro o produto fresco e de tempada fronte ao envasado. Non hai dúbida que opto por unhas xudías do Rosal fronte a outras da mesma clase procedentes de Marrocos; coma escollo unha leituga ou escarola galegas a unha bolsa de ensalada de procedencia navarra ou andaluza. Outrosí sucede na carnizaría onde merco sempre o produto galego, sexa "o porco alimentado con castañas", o chamado "porco celta" ou a "ternera galega" con denominación de orixe, fronte a outras posibilidades foráneas, que tamén sabemos de excelente calidade. O mesmo sucede con outros produtos da compra diaria, dende o leite e as augas minerais, pasando por aceites, conservas, embutidos, viños, cervexas, até mesmo algún produto de limpeza, onde sempre escollo o produto galego. Sei que con esta elección estou contribuíndo a que estas marcas galegas de calidade acaden unha maior cota de mercado. Sei que mercando produto galego estou axudando a manter as explotacións dos nosos produtores agrogandeiros e das industrias agroalimentarias e de distribución propias, co que isto supón para a consolidación de milleiros de empregos e das condicións dos seus traballadores e traballadoras. Un comportamento de consumo galego que cada vez é mellor comprendido por algunhas empresas de distribución, como é o caso de Gadis, que diferencia na publicidade das súas promocións e nos puntos de venda dos seus liñais cunha cuncha de vieira os produtos que "xeran emprego e riqueza en Galicia". Unha iniciativa de mercadotecnia en clave galega que merece ser salientada.
Xaora, de todos os produtos galegos, prefiro aqueles etiquetados en galego, como non agocho a miña simpatía por aqueles establecementos de distribución, como é o caso dos da cadea vasca Eroski, que utilizan decote o galego no punto de venda e na súa publicidade. No restaurante non teño dúbida que entre dúas marcas da D.O. Rías Baixas escollerei a que sei etiquetada en galego. Outrosí no supermercado, cando merco leite, os iogures ou o queixo da D.O. Arzúa Ulloa, apostarei por aquelas marcas que etiquetan en galego. Sei que consumindo estes produtos galegos estou -como salienta o chamamento recente da Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros, promotora da "Carta do consumo responsable e solidario en lingua galega"- "contribuíndo ao noso desenvolvemento económico, permitindo fixar poboación e garantindo a pervivencia do noso País".
O consumo responsable é un xeito de participación na transformación da sociedade. Coñecer a trazabilidade de cada un dos produtos, dende a súa orixe e proceso de distribución, até que chega ao seu punto de venda, é un dereito conquistado polos consumidores, que nos permite decidir qué produtos mercar e ónde facelo. O consumo convértese así nun exercicio de cidadanía responsable capaz de contribuír a unha utilización máis equilibrada dos recursos dispoñibles, como a promover unha produción máis limpa e respectuosa cos dereitos dos seus produtores. Outrosí sucede, coa responsabilidade social das empresas na utilización da lingua galega no seu funcionamento e no etiquetado e publicidade dos seus produtos, o que contribúe tanto a achegarlles un valor engadido e a diferencialos no difícil mercado global, coma a visibilizar e a prestixiar á propia lingua.
O éxito dos produtos agroalimentarios galegos e etiquetados e publicitados en galegos, que se debería estender a outros produtos e servizos culturais xerados en Galicia (libros, revistas, xornais, música?), depende da consciencia e responsabilidade de cada un dos consumidores galegos. Cando no supermercado ou no restaurante preferimos un produto galego ou etiquetado na nosa lingua estamos apoiando unha forma proactiva de entender o país. No entorno dunha Galicia en devalo demográfico e coas portas abertas á emigración da súa mocidade, xa non abondan coas declaracións grandilocuentes de amor á Terra. Hoxe cómpre activar un comportamento cívico responsable da cidadanía galega en todos os eidos da vida social, tamén no que atinxe ao seu comportamento como consumidora. Sei que non esaxero cando afirmo que consumir produtos galegos e etiquetados en galego non é só unha forma de sermos e afirmarmos, é tamén apostar pola nosa continuidade como comunidade.
stylename="070_TXT_inf_01">bretemas@gmail.com
- Adiós al bosque que plantó y cuidó durante décadas Arturo, un vecino de As Lagoas: Adif taló la mayoría de los 50 ejemplares de árboles que era refugio climático y de aves
- Las zonas de bajas emisiones ya son una realidad en Vigo: así funciona la primera fase y vehículos afectados
- El conductor de un vehículo persigue al de un autobús hasta la estación de Cangas y le rompe una puerta y el limpiaparabrisas
- El norte de Portugal reclama 300 millones en infraestructuras y pone el puente con A Guarda entre sus prioridades
- Abel Caballero reprende a Rafael Louzán por sembrar dudas con la sede de Vigo para el Mundial 2030: «Estamos mejor que otros»
- Povisa, 53 años después: del hospital de los médicos vigueses a la incertidumbre de Vivalto
- Marruecos recupera el abastecimiento de almeja fina y se aprovecha de la crisis del sector marisquero gallego
- EE UU aborda y destruye el atunero ecuatoriano «Montecristi» por su supuesta vinculación con el narcotráfico