Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Da regresión demográfica ao mercado de traballo

Nos vindeiros lustros seremos moitos menos habitantes en Galicia, teremos unha idade media superior e viviremos máis concentrados no espazo. Podemos discutir (ou corrixir) a intensidade de cada un destes cambios, pero moi dificilmente o seu sentido. Pensemos, por exemplo, que de acordo coas proxeccións demográficas do IGE, podemos perder até 1 millón de habitantes nos vindeiros corenta anos.

Esta evolución non é unha consecuencia da fonda crise económica que padecemos -aínda que sen dúbida ésta intensifica os seus trazos máis negativos--. Galicia ven presentando desde hai tempo un saldo vexetativo (diferencial entre nacementos e mortes) negativo: a súa dimensión está agrandándose, pola redución da fecundidade que as pobres expectativas económicas traen consigo. Nos últimos anos, ademais, tamén expulsamos poboación a consecuencia dos fluxos migratorios, concentrándose as saídas nos adultos xoves -mentres entran en maior proporción adultos maiores--. Estes procesos contribúen ao avellentamento poboacional, e como afectan máis (pola estrutura de idades, pola capacidade de atracción) a algunhas áreas rurais, favorecen o agravamento do dualismo territorial. Pero non nos enganemos: tamén as áreas urbanas padecen regresión demográfica ou senescencia.

¿Qué podemos facer? En termos demográficos, compre actuar de xeito combinado sobre a fecundidade e sobre os fluxos de mobilidade. Só coa primeira precisaríamos duplicar o número de fillos por muller; só coa segunda necesitaríamos deter a saída dos adultos xoves e atraer ao redor de 20.000 inmigrantes ao ano. Optar por combinar ambos procesos é a solución máis realista: foi xustamente o que permitiu aumentar lixeiramente en poboación entre 1999 e 2008.

Pero, ¿cómo conseguimos modificar as decisións efectivas sobre o número de fillos e atraer inmigrantes? En Galicia a descendencia efectiva está moi por baixo da desexada (ao redor de 2 fillos) e, polo tanto, os esforzos deben centrarse en crear as condicións que permitan aos xoves cumpriren os seus desexos. Precisamos investigar máis as razóns da moi baixa fecundidade, aínda que xa sabemos que sen adecuadas oportunidades de emprego nin expectativas positivas sobre o futuro laboral (estabilidade, nivel de remuneración) a decisión de ter fillos será máis escasa. Tamén coñecemos que o dinamismo do mercado de traballo é clave para a inversión dos fluxos migratorios. Polo tanto, a máis eficaz política demográfica consiste en crear intensamente emprego estable e de calidade. E seguramente sen esta primeira condición os esforzos adicionais terán resultados decepcionantes.

Ao tempo, e á luz da experiencia do período 1999-2008, de alto crecemento económico, a fecundidade non se recuperará decisivamente se as mellores expectativas laborais non están acompañadas de políticas que favorezan a crianza dos fillos (singularmente garderías ou escolas infantís) e a compatibilidade do mantemento da actividade profesional coa atención á descendencia (políticas de conciliación).

Unha política de corrección dos desequilibrios demográficos ten que asentarse nestas bases, sabendo que os horizontes son de medio e longo prazo. Por iso é imprescindible un consenso social e político amplo, que protexa as liñas básicas de acción dos avatares do ciclo electoral. O actual Plan Demográfico da Xunta de Galicia foi, neste sentido, unha oportunidade desperdiciada.

*Foro Económico de Galicia

Compartir el artículo

stats