Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

A España de charanga e pandeireta

Saben aquelo de ollos que non ven corazón que non sente? Peor aínda, supoño que coñecen a táctica do avestruz; ocultar a cachola debaixo da ala para non ver o perigo cando o axexa, supoñen así que non o hai e séntense a salvo, claro que levan o castañazo igual, pero, como non o viron, doe menos.

Pois nada, isto é o que o noso amado presidente do desgoberno e, dende aí para abaixo, os seus acólitos do PP, predican ata deixarnos xordos. Todos á unha, coma Fuenteovejuna, na novela de Calderón, nunha táctica suicida de cu que veo, cu que quero, submisión e fe cega no seu xefe de estómagos agradecidos, non vaia ser o demo, que por moverme e pensar de por libre non saia na foto. Dígoo eu, xa saímos da crise e listo calixto, que para iso son Rajoy.

Estamos a escoitarlles ata a saciedade, usando e abusando das técnicas do Sr. Goebels en comunicación de masas, o primeiro que nos enxeñou que unha mentira repetida ata a saciedade, mil veces ou máis se fai falla, chega a converterse nunha verdade, por falsa que sexa. Meter mentira para sacar verdade, que din os meus amigos estremeños. Peor aínda, negar a realidade porque non convén aos intereses do partido no poder e os seus líderes.

Pero, por moito que se afanen no tema, a realidade está teimuda en levarlles a contraria e desmontar as súas coartadas mal feitas, un día si e outro tamén. Fame, miseria, desesperación, empobrecemento, taxas de paro desbordantes, ruína e tristura nas rúas, emigración, xeración nini, etc., non venden ben a marca España.

Imos da "España vai ben", de Aznar, os "brotes verdes" de Zapatero, á de charanga e pandeireta da que falaba Machado nos seus fermosos poemas, nos tempos actuais de Rajoy e cía.

Imos dunha España de ricos e pobres, de nenos que pateticamente non teñen que comer na casa e país/nais que choran polos comedores escolares, a presidentes de comunidades e políticos que, coma una clá de negro, aplauden e bourean a desvergoña da falla de sensibilidade, solidariedade e sentido común dos que máis terían que facer exercicio dela, cando negan que nas súas comunidades os nosos rapaces teñan fame.

Unha España de invisibles desarrapados, baldroeiros e miserables, excluídos desta ruín sociedade que sofre e padece en silencio, incapaz de levantar a voz contra os seus amos, por medo en tanto mira cara outro lado, para non ver a merda na que nos estamos a afundir, en tanto deixan una moeda que outra na caixiña daquela outra esquina doutro miserento máis.

Unha España de ricos cada vez máis ricos e moitísimos pobres sen remedio, de banqueiros rescatados con soldos millonarios, pensións de escándalo e que non son responsables nin responden de nada nin por nada, de políticos corruptos, miles de imputados e tan so una ducia de condenados, na que o sálvese quen poida é o pan noso de cada día.

A marca España de charanga e pandeireta, unha mágoa terrible, cruel e inxusta.

Compartir el artículo

stats