Non convén esquencer que o rei Alfonso XIII deixou España despois das eleccións municipais de 1931, que gañou nas grandes poboacións a conxunción republicano-socialista conectada cos nacionalismos nos que se incluía o galego. A Historia non se repite, como dixera humorísticamente Marx pedíndolle axuda a unha frase de Hegel que nunca daremos atopado. Sospeito, con todo, que as próximas eleccións municipais van ser moi importantes en Galicia e no resto do Estado Español.

A cuestión do laicismo e da entrega do Estado a unha única confisión relixiosa vai ser seguramente revisada, a impulso da grande fronte ou confluencia de esquerda real que está a preparar hoxe o que Beiras chama proceso "descontituínte". Non falo agora de cambio de réxime, na miña humildade e no meu minimalismo. Falo a penas de posibilidades de que a Igrexa Católica deixe de gozar de privilexios e se substente coas cotizacións dos seus fieis. Un alcalde de Vigo, digamos, coas insignias cívicas, non poderá nunca máis presidir como tal alcalde a procisión do Cristo da Victoria, escenificación nacionalcatólica.

E seguindo en clave municipal, os concellos de Galicia terán, por fin, que asumir a necesidade de por en vigor as parroquias civís, xuntas de distrito ou entidades, como lles chamamos, inferiores ao concello que prevé a lei de administración local española e tamén a correspondente galega. O nacionalismo galego, que antano proclamou a parroquia como núcleo esencial da Patria, incumplíu sistematicamente o seu compromiso histórico e favoreceu oportunisticamente as asociacións de veciños, que só se representan a elas mesmas. Compre, por parte, que o futbol deixe de ser subvencionado. O futbol non é o deporte é espectáculo de todos. Non todos os homes e mulleres de aquí son afeccionados ao futbol.

En Vigo, onde moro, está o Celta. Eu quérolle ao Celta, pero detesto cordial e politicamente a institución do futbol protexido. Ora ben, o concello ten que tirar rendementos económicos do estadio de Balaídos. O Celta debera deixar de vampirizar o concello de Vigo. Ou sexa: vivir da subvención de todo os vigueses que non están interesados non futbol ou o están moi tepedamente. Os ateos e os seguidores de relixións distintas do catolicismo vivimos a ignominia de contribuírmos ao sostemento da Igrexa Católica. Pedimos que tal igrexa se manteña por ela mesma, e teremos que esixir que os clubes se manteñan exclusivamente coas aportacións dos seus socios. Nin toda Galicia, nin toda España, desexan perpetuar os privilexios da Igrexa católica nin todo Vigo está disposto a manter indefinidamente as prebendas multimillonarias que o Celta recibe do concello e dos habitantes da cidade. Cada un que saque as suas crenzas e as súas paixóns deportivas do seu peto.