27 de mayo de 2014
27.05.2014
Campo de Granada

Catro décadas na Alameda

27.05.2014 | 01:36
Catro décadas na Alameda

Teño querenza pola Feira do Libro que se celebra nos xardíns da praza de Compostela. O venres inaugurouse a cuadraxésima edición na que se abandona a súa tradicional convocatoria na primeira decena de xullo. Novas datas de primavera para unha feira que no entorno da crise económica e do proceso de hibridación da industria editorial precisa azos e iniciativas renovadas, como o festival de música infantil galega, iniciado con enorme éxito a pasada edición, para seducir ao lectorado de todas as idades.

Parte do engado da feira do libro viguesa ten que ver coa súa ubicación privilexiada na Alameda, o máis fermoso dos parques urbanos vigueses, construída hai máis de cento cincuenta anos en terreos gañados ao mar e urbanizada ao abeiro do plan do ensanche de García Olloqui de 1870. Baixar á feira do libro supón regresar a un espazo da miña infancia onde difícil é non lembrar a presenza de Camilo e a súa barquilleira, o home do parisién, ou daqueles gardas de xardíns que rifaban se pisabamos algúns dos parterres presididos polas esculturas de José Luis Medina do oso, do cisne, da hiena e do caracol ou polas alegorías da paz, da maternidade e do mundo do traballo que cicelaran as mans do pai de Camilo Nogueira. Como é imposible esquecer aos fotógrafos de minuto que alí traballaban, agardando pacientes pola súa clientela de jichiños e namoradas que xuntaban as súas miradas dentro dun corazón diminuto de papel. Nin aqueloutros "retirados", así os bautizaba a miña avoa, que pasmaban nos bancos, atentos á chegada dos músicos da banda municipal dispostos a interpretar o seu concerto popular diante do estanque onde un alcalde franquista quitou a estatua de Curros Enríquez.

A Alameda viguesa, concibida como un espazo urbano de privacidade, continúa sendo, a pesar dos seus achaques, un lugar acaído para camiñar, xogar, conversar, descansar, namorar ou ler no centro de Vigo. A nosa Alameda, ao pé do buligar da ribeira, onde se mesturan as fragrancias do xardín e da maruxía, sempre foi espazo de serenidade, un remansiño para vivir con acougo. Razón pola que dificilmente poderíamos atopar un sitio máis acaído que a sombra destas castiñeiras de indias e magnolias para gozar do aroma dos libros, do noso primeiro pan da cultura; un lugar ideal para instalar este improvisado corredor de lectura que cada ano durante dez días purifica o aire da cidade.

Escoller esta ubicación ideal para a feira do libro, foi iniciativa ventureira que lle debemos a don Antón Patiño Regueira, o inesquecible libreiro de Librouro, o fundador da feira do libro de Vigo en tempos difíciles e entusiastas nos que era imprescindible levar á rúa os aires de liberdade, galeguismo e democracia dos que son portadores os libros. Patiño e os libreiros vigueses do seu tempo, sendo alcalde de Vigo Joaquín García Picher, tiveron a afouteza de baixar no verán de 1975 os libros ao corredor central da Alameda, onde colocaron os seus primeiros postos, coa intencion de facelos visibles diante de toda a cidadanía que, en moitos casos, nunca se atrevera a franquear a porta da libraría, concibida daquela como un templo sagrado destinado só ás minorías de intelectuais e afeccionados á lectura. Daquela, nos anos difíciles do Tardofranquismo, o libro constituía unha ferramenta de afirmación cívica e galeguista indispensable para conquistar as liberdades, a democracia e a recuperación da lingua e cultura galegas. Como fixera Coruña tres anos antes, Vigo incorporábase ás cidades pioneiras que contaban con feiras do libro organizadas por libreiros, recuperando así iniciativa e o espírito que en 1933 os libreiros madrileños tiveran de levar ao Paseo de Recoletos a luz dos libros.

O libreiro don Antón Patiño Regueira, figura cultural esencial e memoria cívica de ferro, a quen a cidade de Vigo aínda debe un recoñecemento, axudounos a descubrir que camiñar devagariño esta Alameda, seguindo a liña conformada polas casetas da feira do libro, permite ignorar o estrondo de vitrasas e automóbiles e, porén, identificar o canto dos paxariños; deterse diante dos mostradores facilita descubrir os múltiples matices da luz que reflicten as edificacións pétreas que rodean este rectángulo natural. Fenómenos que pouco deben sorprendernos xa que foron descritas moitas outras utilidades destes obxectos de papel ou cartón que chamamos libros: iluminar, ensinar, interrogar, consolar, divertir, acougar, acompañar, enamorar, engaiolar, convencer, desenvolver a nosa sensibilidade, animar a compartir, a convivir, a viaxar? Paga moito a pena, pois, baixar a Alameda a gozar dos seráns dos libros e da música, onde picariños e maiores, militantes todos da lectura e do valor dos libros, poden experimentar da súa biodiversidade cultural e das fragrancias dos xardíns en primavera.

bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook