Opinión | segunda feira

X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Casa Curros

Se subirdes desde Vilanova dos Infantes pola costa de Pedra da Moa, acharedes, no descenso ao planalto de Celanova, antes das Triguerizas, a casa natal de Manuel Curros Enríquez, onde ole á mesma substancia revolucionaria que safumeira os interiores do piso burgués de Víctor Hugo en Plaza des Vosgues, París. Hoxe a casa de Curros é un museo que ben volo pode explicar, así como a completa monumentalidade da vila, Paula Conde. En todo caso, Curros é una amósega permanente de que a nosa literatura estivo sempre unida ás causas de liberdade, emancipación eiquí e xustiza no mundo enteiro.

O enterro de Víctor Hugo, que sentía e pensaba como había de facelo o seu discíulo Curros Enríquez, resultou en París un acontecemento internacional e de Estado. A traslación do cadáver de Curros desde a Habana á Coruña constituiu un dos grandes sucesos cívicos nos que Galicia quixo manifestarse como País. Antes fora a condución dos restos de Rosalía de Padrón a Compostela, a aquilo que sería frustrado e treizoado Panteón Galego de Personalidades Ilustres. Antonio Piñeiro ten relatado os pormiudos da recuperación da casa de Curros para o uso popular, como tamén se fixera coa mortuoria de Rosalía, a través da iniciativa individual, patriótica e desinteresada. O "Centro Orensano" da Habana comprou cos seus propios pesos de emigrantes sacrificados unha parte da casa do poeta, que quedou así fixada en Celanova e Galicia como centro de referencia histórica. Durante longos, demasiados, anos, nos muros do predio só había algunas placas conmemorativas de fugaces homenaxes. O Patroato Curros Enríquez aspiraba a máis. Na Coruña, nun humilde nicho de San Amaro, aínda que a República lle erixira un monumento grandioso, xacía, e xace, o corpo do vate bravo de Celanova.

Tivo que ser X.M. del Caño quen dise o primeiro paso para recuperar toda esa casa da "Calle Arriba" e facer dela templo laico da democracia, do patriotismo e da grande poesía. Ao chamamento de Del Caño acudiron, os primeiros, Antonio Piñeiro e Xosé B. Reza. Confluiron outras persoas entusiastas. Houbo vacilacións e falsos movementos. Finalmente, e para ben, as autoridades máis próximas sumáronse á obra leal e abertamente.

Hoxe, a Fundación e Patronato Curros Enríquez, ben orientado aínda que con modestísimos recursos económicos, mantén aceso o lume da memoria do poeta na súa casa-museo. Milleiros de visitantes cada ano reciben alí luces e unha lección de liberdade e de galeguidade xenuína. Camiño eu agora cara a casa de Curros, cara a Casa dos Poetas, e véñenme á memora aqueles que tanto loitaron porque tal institución fose a realidade que é. Vou, desde Vilanova dos Infantes, por Porto de Outeiro, Pena da Moa arriba, e sinto nas costas a obriga democrática que me legarona os avós.

Tracking Pixel Contents